Apertura do prazo para participar na ruta ornitolóxica polo esteiro do Miño e a foz da Ramallosa, enmarcada no programa da Deputación “Voando nas Rías Baixas”
No marco da campaña “Voando nas Rías Baixas”, as rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO BIRDLIFE que comezaron a pasada fin de semana no Complexo Intermareal Umia-O Grove, o esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa serán os protagonistas da segunda ruta gratuíta guiada o vindeiro 4 de febreiro. Deste xeito, as persoas interesadas en participar na segunda ruta do programa poderán presentar a súa solicitude desde hoxe mesmo, 23 de xaneiro, e ata o xoves 1 de febreiro a través da páxina web www.depo.gal ou ben dos rexistros da Deputación de Pontevedra en Pontevedra e Vigo.
A ruta polo esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa, que terá lugar o domingo 4 de febreiro, coincide cos actos de celebración do Día Mundial das Zonas Húmidas polo que o persoal especializado de SEO BIRDLIFE, que guiará a ruta e facilitará material para poder avistar as diferentes aves, tamén achegará información sobre a importancia das zonas húmidas para o ser humano e para a natureza en xeral.
O esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa trátanse de zonas cunha grande variedade de hábitats. Así, falamos de zonas especiais de conservación e zonas de especial protección para as aves e nelas acóllense milleiros de aves de invernada ou que empregan o espazo no seu tránsito cara o Sur. Así, podemos atopar limícolas como mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías como patos, garzas, mergullóns ou pentumeiros. Tamén se poden ver aves rapaces, entre as que destacan a gatafornela, o lagarteiro cincente e a aguia peixeira, podendo observar a súa espectacular forma de pesca.
Xunto á ruta polo esteiro do río Miño e a foz da Ramallosa, conforman “Voando nas Rías Baixas” a visita guiada ao Complexo Intermareal Umia-O Grove (que tivo lugar a pasada fin de semana) e ás Brañas de Xestoso (en maio de 2018). A campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo, presentado hai unha semanas xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos.
A Deputación de Pontevedra está a apostar polo turismo ornitolóxico como unha nova modalidade para coñecer a provincia. Deste xeito, xunto con estas novas rutas, a institución provincial patrocinou no 2017 o documental España, la tierra prometida na que as Rías Baixas protagonizaron tres dos catro capítulos que o conforman.