Ábrese o prazo de solicitudes para as asociacións interesadas en participar no programa “Conectadas 2018”
Desde este xoves 18 de xaneiro estará aberto o prazo de solicitudes para todas as entidades interesadas en participar nas accións formativas de Igualdade que organiza a Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa “Conectadas”. O prazo estará aberto ata o vindeiro 16 de febreiro. Para este programa, de cara ao 2018, a Deputación de Pontevedra destinará 324.000 euros co obxectivo de potenciar a participación e a promoción das mulleres e as relacións interpersoais igualitarias a través da formación.
“Conectadas 2018” pon o acento na formación con diferentes cursos e obradoiros sobre cuestións variadas enfocadas a empoderar ás mulleres e dotalas de ferramentas para construír unha sociedade igualitaria. Para acadalo, o programa diríxese a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.
Cada acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25 prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de 2018. Tratarán a igualdade efectiva entre mulleres e homes e a sensibilización na igualdade de oportunidades. Máis polo miúdo, as accións formativas de “Conectadas 2018” están distribuídas en oito bloques: “Muller emprende”, “Muller e cultura: artes visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”.
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia de Pontevedra, mais as mulleres terán preferencia. Reservarase só o 25 % do total das prazas para homes, agás no bloque de contidos “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 % (en caso de existiren vacantes poderá ampliarse esta porcentaxe).
Estas accións formativas terán unha duración de 35 horas, repartidas entre dúas e tres horas semanais, e a entidade solicitante poderá escoller se estas se realizan no mesmo día ou en días alternos, dependendo das necesidades das persoas participantes. Ademais, poderanse incrementar as horas semanais ata un máximo de catro en caso de considerarse oportuno pola actividade que se vaia desenvolver. En todas as accións formativas deberá incluírse de forma transversal nos seus contidos o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Ademais, impartirase un módulo obrigatorio de sensibilización na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de cinco horas de duración.