publicidade hoxe

Aberto ata o 15 de outubro o prazo de solicitude das axudas para apoiar o traballo nas empresas de inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Covadonga Toca na clausura da xornada

Covadonga Toca na clausura da xornada

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, clausurou hoxe en Vigo a xornada de networking ‘Rompiendo metas’, organizada pola asociación Inserta Emprego, na que salientou a aposta do Goberno galego polo emprego inclusivo para facilitar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables.

Toca destacou nesta xornada, que contou coa asistencia do equipo de trainers paralímpicos da Fundación Once, que entre os programas que ten a Xunta, a través da Axenda 20, para favorecer a integración laboral das persoas con máis dificultades para atopar un traballo atópase a orde de axudas destinada a apoiar ás empresas de inserción laboral, que recolle as principais demandas do sector.

O prazo de solicitude para optar a estas axudas está aberta ata o 15 de outubro. A este fin, a Consellería de Economía, Emprego e Industria dedicará preto de 400.000 euros cos que prevé a contratación de 56 desempregados a través de 11 compañías.

Nesta nova edición deste programa vólvese a ampliar a duración máxima dos contratos de inserción, ata tres anos; o custe das axudas á asistencia técnica (realización de auditorías contables, sociais ou certificacións de calidade) será do 80%; apoiarase outra vez a formación de persoas en proceso de inserción cun máximo de ata 3000 euros; e financiarase ao 100% o custo dos gastos de inicio e posta en marcha da actividade ata o límite máximo de 12.000 euros por empresa de inserción laboral.

Ademais, cando a persoa contratada sexa unha muller, teña máis de 45 anos ou se a empresa está emprazada nun concello rural, incluiranse incentivos adicionais do 25% nas axudas previstas neste programa para a contratación de xerentes, persoas técnicas de produción e técnicas de orientación, así como na creación de novos postos de traballo para persoas en inserción con apoios que poderán chegar aos 21.000 euros.

A Xunta con este programa, ademais, poderá financiar o 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa en proceso de inserción contratada. Financiarase tamén a realización de accións de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario, dando prioridade á contratación indefinida.

As axudas van dirixidas non só ás empresas de inserción laboral, que defenden os intereses das persoas en situación de risco de exclusión, senón tamén a entidades sen ánimo de lucro e fundacións, aínda que os destinatarios finais destas axudas son as persoas desempregadas en risco de exclusión.

Para ser beneficiarios destes apoios da Xunta, cada empresa deberá ter unha porcentaxe de persoas en inserción do 30% respecto do total do cadro de persoal, aplicar o 100% dos resultados ou excedentes dispoñibles en cada exercicio á mellora ou ampliación das estruturas produtivas e de inserción ou a programas de inserción laboral das entidades promotoras e non se apoiarán as contratacións inferiores ao 50% da xornada laboral nin por debaixo dos 6 meses.

Apoio á discapacidade

Esta iniciativa está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego a través da que o Goberno galego impulsa o emprego inclusivo. Esta aposta da Xunta reflíctese no apoio que está dando aos colectivos máis vulnerables e con máis dificultades para acceder ao emprego, como as persoas con discapacidade, primando a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda, dun 25% máis. Con respecto ao eido das persoas con capacidades diversas, os orzamentos de 2018 destinan preto de 14 millóns de euros para seguir reforzando os centros especiais de emprego e o traballo na empresa.

Toca, para rematar, resaltou o labor desenvolven en Galicia as empresas de inserción laboral que defenden os intereses das persoas en situación de risco de exclusión a través da inserción social e laboral. Así mesmo, indicou a necesidade de impulsar a formación para preparar ás persoas en risco de exclusión social cara aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral.

25 de xaneiro de 2018 | 16:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.