A Xunta ultima as obras de reforma do CEIP Lagostelle de Guitiriz, que reportarán un aforro anual do 23% no consumo enerxético
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou hoxe o resultado das obras executadas durante os últimos meses no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Lagostelle de Guitiriz pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Balseiro explicou que a reforma acometida reportará un aforro estimado do 23% no consumo enerxético anual do centro, e unha redución do 21% das emisións de dióxido de carbono á atmósfera.
Os traballos supuxeron un investimento de 573.186 euros, cofinanciados con fondos FEDER, e consistiron no acondicionamento da fachada cun sistema de illamento térmico exterior, o cambio da carpintería metálica exterior, colocación de falsos teitos, substitución de luminarias por outras tipo LED e pintado das aulas e pasillos principais co estudo de cor establecido no deseño gañador de concurso convocado en convenio poa Consellería de Cultura e Educación e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O delegado territorial afirmou que actualmente só faltan remates no illamento dun lateral do edificio, que se ultimarán tan pronto a climatoloxía o permita.
No colexio plurilingüe Lagostelle de Guitiriz estudan este curso 231 alumnos. As obras acometidas suporán unha mellora da estética e, sobre todo, unha maior confortabilidade para os usuarios, ademais dunha redución considerable dos custes de mantemento.
Durante a visita, na que tamén participaron a alcaldesa, Regina Polín, e o director do centro, Domingo Lodeiro, o delegado incidiu en que “incorporar estas medidas de aforro nos edificios públicos é un xeito de optimizar os recursos e de predicar co exemplo, xa que o uso racional da enerxía é unha premisa básica para avanzar cara a un desenvolvemento sostible”.
Balseiro lembrou que a consellería acometeu proxectos similares no CPI Virxe do Monte de Cospeito, no CEIP Rosalía de Castro CEIP, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, por importe conxunto de preto de 2 millóns de euros. E para este ano están previstos no CEIP Veleiro Docampo (Castro de Rei) e no CEP Luís Tobío de Viveiro.
Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.