publicidade hoxe

A Xunta promove a calidade das cooperativas e da artesanía de Galicia nos mercados gastronómicos de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Intervención de Sol Vázquez

Intervención de Sol Vázquez

A Xunta está a promover a calidade das cooperativas e da artesanía de Galicia nos mercados gastronómicos máis relevantes de España. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participaron hoxe en Santiago, na Praza de Abastos, nunha xornada de fomento dos produtos alimentarios e artesanía das cooperativas de Galicia co obxectivo de darlles un pulo á súa proxección no exterior, na que se deron cita 16 cooperativas e 6 dos mercados máis prestixiosos a nivel nacional: La Boquería e Mercat de Santa Caterina, en Barcelona; Mercado San Antón e Platea, en Madrid; Lonja del Barranco, en Sevilla; e Mercado de Correos, de Murcia.

A iniciativa, dirixida a profesionais, neste caso aos equipos xestores e programadores de actividades dos principais mercados gastronómicos, tamén busca, ademais de presentar o traballo das cooperativas e os seus principais produtos, dar a coñecer a súa capacidade produtiva para establecer relacións e unha nova canle de distribución. Pola súa banda, os mercados presentaron o seu modelo de programación de actividades e contidos de ocio, así como a tipoloxía da oferta dos postos de vendas.

Na xornada, ademais da posta en contacto entre cooperativas e mercados, houbo degustacións e un showcooking. Pola tarde, desenvolverase unha visita á cooperativa Milhulloa. O resto de cooperativas participantes na xornada son Ameixoeira; Amarelante; Bodegas Eidosela; Condado Paradanta; Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (Bico de Xeado); Nosa Enerxía; Vélaro; Viña Moraima; Amegrove; Cooperativa Ría de Arosa; Terras da Mariña; Coopde produtores do Campo da Capela; 7H_Cooperativa Cultural; Rayados; e Pegadas.

A secretaria xeral de Emprego destacou a importancia do sector das cooperativas en Galicia e o impulso que o Goberno galego está dando á Economía Social, un eido que conta este ano cun orzamento que supera os 17 millóns de euros, un 3,4% máis que en 2017, para fortalecelo e mellorar a súa competitividade. Entre os programas cos que conta a Administración autonómica neste ámbito puxo en valor tres programas de apoio, dotados con máis de 3,3 millóns de euros, para seguir impulsando o crecemento da economía social, representado por máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas. A través destas tres iniciativas, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé beneficiar a máis de 3.000 persoas desempregadas.

Esta actuación forma parte da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 que inclúe tamén, entre outras ferramentas, cun fondo de XesGalicia dotado con 5 millóns para financiar novos proxectos neste ámbito.

A artesanía galega

Pola súa banda, a directora xeral de Comercio e Consumo destacou a importancia do sector artesán na Comunidade galega, que está en auxe con preto de 3.000 artesáns rexistrados e máis de 60 tendas e 550 obradoiros, dando emprego a máis de 5.000 persoas. En palabras da directora xeral, este ámbito estase a consolidar como unha vía de dinamización económica e turística, especialmente no ámbito rural.

A Xunta está impulsando este eido a través de axudas para fomentar a súa comercialización e competitividade -o pasado ano chegaron a 35 obradoiros, 12 concellos e á Asociación Galega de Artesáns-; apoiando a formación coa organización de diferentes cursos; buscando novas oportunidades en feiras internacionais, iniciativas como o espazo Pop up. Saberes e Sabores e Madrid, ou eventos como Artesanía no Prato e Corazón de Artesanía de Agolada que en 2017 recibiu 9.000 visitas, consolidándose como a cita anual de referencia no sector. Vázquez Abeal tamén referiuse á proxección e potencial do sector, lembrando o Premio Nacional de Artesanía que recibiu polo proxecto Enredadas.

Vázquez Abeal apuntou, neste senso, que a comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía.

Así mesmo, a directora xeral de Comercio e Consumo referiuse ao impulso que o Goberno galego está dando aos mercados e prazas de abastos co obxectivo de acadar a excelencia destes espazos. Así, a Xunta ten en marcha o Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 que recolle un total de 20 actuacións específicas coas que se pretenden potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

22 de xaneiro de 2018 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.