A Xunta pon a disposición dos veciños as sendas peonís e ciclistas A Laracha- Paiosaco e Xornes- Buño- Canta La Rana
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe a comarca de Bergantiños, na que a Xunta vén de rematar dúas sendas peonís e ciclistas, a de Laracha- Paiosaco e a de Xornes- Buño- Canta la Rana, para facilitar os desprazamentos cotiás dos veciños en condicións de seguridade.
A nova senda que une A Laracha e Paiosaco, un itinerario de uso compartido, peonil e ciclista, duns 1,5 km de lonxitude, pola marxe esquerda da estrada AC-552, dando continuidade ás beirarrúas existentes e comunicando dous núcleos onde se concentran os principais equipamentos. Esta actuación supuxo un investimento da Xunta que supera os 700.000 euros.
O itinerario Xornes- Buño- Canta la Rana, nos Concellos de Malpica e Ponteceso, que o Goberno galego rematou tras o investimento de 530.000 euros, conta con 2 km e desenvólvese pola marxe dereita das estradas AC-421 e AC-422. Comunica Buño, onde se atopan os principais equipamentos municipais cos dous núcleos de poboación máis próximos, Xornes e Canta la Rana.
Nestes momentos os veciños de Malpica, Ponteceso e A Laracha contan xa, para o seu uso e desfrute, con dúas sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe.
A conselleira avanzou que nos próximos meses se porán en servizo outros 3 itinerarios que actualmente están en execución, o de Carballo-Bértoa; o de Neaño-Cabana e o da Laracha-O Cancelo. Concretou que tamén se seguirá traballando nas outras 2 sendas previstas, cuxos proxectos están en supervisión: Laxe-Paseo Marítimo e Carballo-Coristanco.
A Xunta segue traballando para facer realidade canto antes os outros 5 itinerarios do Plan de Sendas da comarca de Bergantiños, entre eles, e tamén no concello da Laracha, a senda iniciada en outubro na estrada AC-552, entre A Laracha e O Cancelo, á que se destinan arredor dun millón de euros, e cuxo remate se prevé este mesmo verán.
O Goberno galego investirá, en total, preto de 5 millóns de euros no Plan de Sendas da Comarca de Bergantiños, o que vai permitir poñer á disposición dos cidadáns 7 novas sendas que suman 11 km.