publicidade hoxe

A Xunta inviste 50.000 euros na recuperación paisaxística da contorna do piñeiral da praia da Madalena, en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o piñeiral da praia da Madalena, no concello de Cabanas, na que a Xunta vén de investir algo máis de 50.000 euros para a recuperación paisaxística dunha das zonas máis representativas do municipio. Rodeiro estivo acompañado polo alcalde, Germán Castrillón, e a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Cristina Carrión.

A actuación consistiu na posta en valor do entorno da praia da Madalena mediante a instalación dunha pasarela de madeira de 65 metros para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida e ademais para que o paso das persoas non afecte a flora autóctona. Así mesmo, instaláronse catro paneis divulgativos. A praia da Madalena é a continuación funcional do Parque Natural das Fragas do Eume e do espazo protexido incluído Rede Natura 2000. Os novos elementos permiten compatibilizar o uso público e as actividades recreativas coa conservación do entorno. Ovidio Rodeiro sinalou que “mellorouse con esta actuación unha contorna de singular beleza, aportando un elemento fundamental tanto para permitir a accesibilidade universal como para reconducir o fluxo de persoas e evitar que se produza unha pisada indiscriminada da zona de dunas”. Tamén permite organizar os servizos que se ofrecen nas praias.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que desde o pasado día 16 e durante un mes, están abertas dúas convocatorias para solicitar axudas a investimentos non produtivos tanto en concellos incluídos na Rede Natura 2000 como nos ámbitos climáticos dos parques naturais de Galicia. Ambas as convocatorias abranguen os anos 2018 e 2019 e están dotadas con 2,5 e 1,5 millóns de euros respectivamente, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020

Rodeiro explicou que estas axudas “van destinadas a propietarios de terreos agrícolas e forestais privados, concellos incluídos na Rede Natura 2000 ou que teñan parte da superficie dentro dos parques naturais”. Tamén poden acollerse as asociacións ambientalistas e de custodia do territorio que sexan propietarias ou arrendatarias de terras agrícolas incluídas en áreas elixibles. O delegado territorial avanzou que se concederá o 100% do custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 euros por proxecto no caso do que o beneficiario sexa un concello e de ata 12.000 euros no resto dos casos.

25 de xaneiro de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.