publicidade hoxe

A Xunta iniciará este verán as obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, cun investimento duns 850.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e con representantes de distintas asociacións veciñais, na que avanzou o inicio este verán das obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, cun investimento de 850.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se dispón a utilidade pública e a urxente ocupación dos terreos necesarios para levar a cabo a mellora da seguridade viaria en Seixalbo. Concretou que na primeira quincena de febreiro comezarán as contratacións das obras.

Esta mellora busca optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños.

A responsable de Infraestruturas indicou que atendendo ás demandas dos veciños, vaise acometer unha actuación moi completa nun treito de 1,5 km, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil e na reordenación do tráfico.

Levarase a cabo unha actuación no cruce de acceso a Seixalbo, habilitaranse carrís centrais de espera e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, para maior seguridade dos peóns. Disporanse pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica. Habilitarase un carril para bicicletas e melloraranse e completaranse as beirarrúas.

A conselleira sinalou que esta obra de Seixalbo complementa a outras actuacións da Xunta, importantes para a cidade, tamén relacionadas coa seguridade viaria como a mellora da accesibilidade na avenida Otero Pedrayo, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros e comezará neste 1º trimestre. Neste sentido, puntualizou que estes traballos xa están en proceso de adxudicación, coa empresa seleccionada.

A Xunta continúa investindo en seguridade viaria co fin de incrementar a calidade de vida dos veciños e facer cidade.

25 de xaneiro de 2018 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.