publicidade hoxe

A Xunta informa aos concellos dependentes da Delegación Territorial de Pontevedra da nova convocatoria das axudas para a promoción da igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron esta mañá unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos 48 concellos dependentes desta área para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Concretamente, ao abeiro desta convocatoria a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia, integrada por 81 centros dos que 27 pertencen á provincia de Pontevedra.

Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 33 concellos da área territorial da Delegación de Pontevedra recibiron máis de 731.000 de euros.

A resolución que se vén de publicar no DOG engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:

 Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
 Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
 Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).

O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes tres programas.

Accións subvencionables

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos beneficiarios tomar medidas para fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares. Esta liña tamén financiará os bancos de tempo coa finalidade de facilitarlles ás persoas empadroadas no correspondente concello esta conciliación a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes, cuxa medida é a hora de tempo. Conta cun orzamento de 525.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante de fusión de varios concellos. Na pasada convocatoria, as entidades da área territorial da Delegación de Pontevedra recibiron a través desta liña 64.942 euros.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos, así como das persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual, en xeral, e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e de 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. O pasado ano as entidades da área territorial da Delegación de Pontevedra beneficiáronse de máis de 28.427 euros ao abeiro desta liña de axudas.

E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que é a liña de maior dotación, cun orzamento de máis de 3.370.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Na anterior convocatoria, os CIM situados na área territorial da Delegación de Pontevedra recibiron 638.024 de euros. Esta liña de axudas ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos nestes centros de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

24 de xaneiro de 2018 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.