publicidade hoxe

A Xunta destina 850.000 euros á mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoaña
A-
A+

A Consellería do Mar pon a disposición dos profesionais do mar máis de 850.000 euros coa finalidade de mellorar as súas condicións de traballo e a súa seguridade. Así o trasladou a conselleira do Mar, Rosa Quintana durante unha visita á nova instalación frigorífica da lonxa de Meira, en Moaña, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

Alí, a conselleira lembrou que o seu departamento vén de convocar a orde de axudas para levar a cabo proxectos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lugares de desembarque e das lonxas que melloren as condicións de traballo e a seguridade das persoas. Rosa Quintana adiantou que as confrarías de Galicia teñen o prazo dun mes para solicitar as subvencións ante a consellería para acometer aquelas melloras que desexen.

Nesta liña, Rosa Quintana destacou que precisamente a instalación frigorífica de Meira, na que se investiron case 150.000 euros, foi unha construción acometida ao abeiro destas axudas en anos anteriores. Neste sentido, destacou a súa importancia para responder aos requirimentos actuais en materia de funcionamento.

Ademais, a conselleira do Mar lembrou que entre o 2009 e o 2016, o seu departamento investiu 21,5 millóns de euros na mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar de Galicia. Así, explicou que este investimento se realizou con cargo ao antigo Fondo Europeo de Pesca e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e que o obxectivo destas actuacións é mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar que desenvolven a súa actividade diariamente nestes espazos, sobre todo no relativo á comercialización, á trazabilidade e á seguridade alimentaria, entre outros aspectos.

A obra

As obras executadas consistiron na construción dunha instalación frigorífica de 113m² composta por unha cámara de conservación, unha de conxelación e outra de conservación de decomisos. Ademais dotouse cun equipo produtor de xeo triturado con capacidade para producir 1,2 toneladas por día e cun silo de almacenamento e conservación do xeo.

17 de xaneiro de 2018 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.