publicidade hoxe

A Xunta contribúe á mellora da escola infantil municipal de Ramirás coas axudas a estes recursos básicos de conciliación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRamirás
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, Amparo González Méndez, visitou hoxe as dependencias da escola infantil municipal de Ramirás (Ourense). A visita, á que tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, serviu para coñecer de primeira man as obras de mellora realizadas ao abeiro da orde de axudas destinada á mellora das escolas infantís de 0 a 3 anos que, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, conta cun orzamento superior ao millón de euros.

No que respecta ás melloras realizadas na escola, a Administración autonómica destinou 14.450,84 euros ás obras de adecuación e mellora da infraestrutura, que incluíron a instalación dun peche nunha zona na que tamén se fixo un almacén e se mellorou o sistema de calefacción. Así mesmo, en 2017 a Xunta de Galicia destinou 9.211,22 euros ao mantemento do centro.

Amparo González sinalou que o obxectivo destas actuacións é que os pequenos e pequenas de Ramirás e do restos dos concellos galegos, teñan as mellores instalacións nesta primeira etapa de aprendizaxe. “O compromiso do Goberno galego coa calidade da atención educativa nas idades máis temperás implica contar con espazos apropiados que contribúan ao benestar dos nenos e nenas e tamén do persoal educativo en beneficio do desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade”, explicou.

Por iso, desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva investido 6,2 millóns de euros no programa de mellora e adecuación dos recursos da rede galega de atención á infancia. Isto inclúe as escolas infantís de titularidade municipal, para as que se realizou –a través de senllas ordes de subvencións en 2016 e 2017 cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional- un investimento de 2,5 millóns de euros, do que se beneficiaron 124 concellos e 136 escolas. Cómpre destacar que todos os concellos que a solicitaron, recibiron financiación nalgunha destas dúas convocatorias.

A titular do departamento autonómico destacou a importancia que teñen estes recursos para favorecer a conciliación da vida laboral e familias dos pais e nais. Ao respecto, valorou o esforzo que neste ámbito está a facer o Executivo autonómico con medidas como a mellora do programa do Bono Concilia, iniciativa que consiste nunha axuda directa ás familias para que elixan a escola infantil que desexen para os seus fillos e fillas e que permite que non exista listas de agarda. Ao redor de 3700 familias galegas benefícianse a día de hoxe desta medida para a que a Xunta destina neste curso escolar 2017-2018 un total de 4,2 millóns de euros.

Amparo González subliñou que propostas como o Bono Concilia e o Bono Coidado, as Casas Niño, o apoio ás empresas para a apertura de novas escolas en polígonos e parques industriais, así como o apoio á rede de escolas municipais e de entidades de iniciativa social fan que Galicia teña na actualidade preto de 23.500 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos o que supón unha ratio de cobertura do 40,4%, sete puntos por riba da taxa aconsellada pola Unión Europea.

24 de xaneiro de 2018 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.