A Xunta colabora coa Asociación de Empresarias de Lugo para apoiar iniciativas emprendedoras de mulleres
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe con representantes da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU) para coñecer de primeira man as súas iniciativas e avaliar as liñas de colaboración entre esta entidade e o departamento autonómico.
Nos últimos anos, a Xunta financiou, a través da orde de entidades de iniciativa social da Secretaría Xeral da Igualdade, distintos programas de apoio ao autoemprego e iniciativas emprendedoras postos en marcha por AELU cun investimento de máis de 40.000 euros.
Neste sentido, a Xunta puxo en valor a importancia dos obxectivos comúns que manteñen a Administración autonómica e esta asociación, que conta con máis de 150 empresas integradas e que ten entre as súas principais funcións apoiar a mulleres empresarias en todos os ámbitos e axudar ás mulleres emprendedoras á hora de iniciar o seu proxecto empresarial.