A Xunta anuncia a nova liña de axudas para accións silvícolas de prevención de lumes
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe a nova liña de apoio da Consellería de Medio Rural destinada a comunidades de montes e particulares co fin de poñer en marcha accións silvícolas de prevención de lumes e nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros.
Estas ordes permitiron destinar o ano pasado case 100.000 euros a tres comunidades de montes do Salnés (Cea –con 42.788 euros- e Bamio – 17.944 – en Vilagarcía e Santo Tomé de Nogueira en Meis – 38.745 euros) que actuaron sobre un total de 56,17 hectáreas. Na provincia de Pontevedra houbo 115 beneficiarios cun orzamento de axuda global de 2,3 millóns de euros, e se traballou sobre un total de 1.368 hectáreas.
Estas accións silvícolas teñen como obxectivo previr os danos acusados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. As axudas, que poden chegar ao 100% do solicitado, están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Os interesados teñen un prazo de un mes hábil para presentar as súas solicitudes que poden ser para realizar tratamentos silvícolas coa finalidade de prevención de incendios, é dicir, a creación de descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible como son rozas, podas e rareos; ou para realizar tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.
“Deste xeito, a Xunta segue a apostar pola posta en marcha de tratamentos silvícolas, roza e clareos en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, en colaboración con comunidades de montes e particulares co obxectivo de previr os incendios forestais”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “nos soutos de castiñeiros, ademais de podas e rozas, financiaranse tratamentos fitosanitarios e a plantación de pés resistentes á tinta para aumentar a densidade do souto. Por baixo de 550 metros de altitude, deberán plantarse clons híbridos. Por encima desa altitude, castiñeiros do país”.