A Xunta achega 898.000 euros para apoiar 28 proxectos de mellora da eficiencia enerxética en empresas do sector industrial lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
José Manuel Balseiro na visita ao serradoiro Mader Campo

José Manuel Balseiro na visita ao serradoiro Mader Campo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, apoia a mellora da eficiencia enerxética en preto de 30 empresas do sector industrial lucense favorecendo unha mobilización de 2,2 millóns de euros.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) vén de resolver a convocatoria de axudas para a realización de auditorías, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro enerxético en empresas dos sectores industrial e hoteleiro a desenvolver durante 2018.

A achega da Administración autonómica permitirá impulsar estes proxectos que, como beneficio común a todos eles, permitirán ás empresas beneficiarias gañar en competitividade grazas á redución das súas facturas enerxéticas.

Ademais estes apoios axudan a avanzar nas políticas de protección do medio ambiente de cara a cumprir os obxectivos fixados pola Unión Europea; e impulsan a creación de emprego.

Visita a Mader Campo

Para exemplificar os beneficios deste programa de axudas o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a empresa Mader Campo SL, beneficiaria destes apoios, que procederá a instalar unha central fotovoltaica e renovar a cámara de secado

Máis en concreto, a primeira das instalacións proxectadas consiste nunha central solar fotovoltaica cuxo obxecto é a xeración de enerxía eléctrica utilizando como materia prima a radiación lumínica do sol. É por iso que se trata dunha instalación novidosa e cun alto interese social ao xerar enerxía limpa, e contribuíndo ao desenvolvemento sostible tan necesario nos nosos tempos.

O segundo dos investimentos apoiados permitirán o cambio da cámara de secado antiga por unha nova de tecnoloxía actualizada que permitirá un aforro enerxético moi considerable, así como adaptar o consumo real á cantidade de madeira que en cada momento sexa preciso secar.

“Este programa responde ao compromiso da Xunta de impulsar políticas que permitan introducir en todos os eidos da sociedade unha cultura do aforro e eficiencia enerxética e un maior uso das fontes de enerxía renovables”, explicou Balseiro.

938 proxectos apoiados en Galicia

No conxunto de Galicia, a posta en marcha destas iniciativas permitirán ás empresas beneficiarias acadar aforros enerxéticos de 90.000 MWh/ano e económicos de 7 millóns de euros, favorecendo unha redución de emisións de CO2 equivalente á acción de 1,2 millóns de árbores.

Desde a primeira convocatoria desta liña de apoios, no ano 2013, o Goberno galego leva impulsados en Galicia 938 proxectos con axudas por valor de 24 millóns de euros e unha redución de emisións de CO2 equivalente á acción de 2,8 millóns de árbores.

8 de xaneiro de 2018 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.