publicidade hoxe

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece en Vigo 25 actuacións para públicos diversos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A Tropa do Doutor Milagre abre o venres e o sábado, ás 18,00 h., na rúa Príncipe a completa carteleira que a Rede Galega de Teatros e Auditorios lle ofrecerá ao público de Vigo ata finais de abril. Será unha programación de 25 actuacións de música, de danza e, sobre todo, de teatro para públicos diversos, na que a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e mailo Concello vigués fixeron un investimento conxunto de 53.250 euros.

Os espectáculos para público familiar centran gran parte das propostas deste circuíto de espectáculos, que na cidade olívica promove a Agadic en colaboración co Auditorio Municipal. De feito, neste espazo –un dos máis de 40 escenarios galegos asociados á Rede– terán lugar o resto das funcións programadas.

Alí os nenos e as nenas poderán gozar en febreiro co espectáculo bilingüe en galego e inglés Aguratrat, de Pérez&Fernández; con Lúa, de Ghazafelhos; con Os Rockenstein, de Malasombra Producións, e con La gallina de los huevos de oro, de Zum-Zum Teatre. En marzo, chegarán a Vigo As bombas e o xeneral, de Tanxarina; Ela, de Caramuxo Teatro, e Xurdefet (Jour de fête), de Berrobambán.

Xa en abril, a Rede Galega de Teatros e Auditorios presentará no Auditorio Municipal un dos espectáculos infantís da temporada: Danza da choiva, de Elefante Elegante, que tamén presentará aquí a súa montaxe Tropical. Nese mesmo mes haberá danza para os máis cativos con Gaia, de Entremans, e teatro para toda a familia con Pintamúsica!, de Viu el Teatre.

Varias estreas

Pola súa banda, o público adulto poderá gozar da produción coreográfica Tradicción, de Nova Galega de Danza, así como da música de De Vacas e, sobre todo, do teatro. Así, o Auditorio Municipal programará en marzo unha das estreas da temporada en Galicia: Casa O´Rei, o espectáculo co que Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica. Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rey Lear de William Shakespeare, pero aquí ambientado nunha típica casa de comidas galega.

Tamén pasarán por Vigo as mulleres de Nacidas Libres, de Contraproducións; Emilia, de Teatro del Barrio; Memorias dun ser humano disperso (Versión 7.0), de Producións Disperas; e Unha rosa entre as pernas, de Teatro en Punto.

Circuíto profesional

A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).

Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

24 de xaneiro de 2018 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.