A Deputación destina 750.000 euros ao financiamento da contratación de persoal técnico de cultura nos concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A área de Cultura da Deputación da Coruña destina 750.000 euros ao novo programa de subvencións, destinado á contratación de persoal técnico en xestión e animación cultural. O obxectivo é a profesionalización das áreas de cultura e a creación de emprego no sector.

Promover a contratación e dinamizar as accións culturais nos concellos son os obxectivos da liña de axudas ás que poden acceder os concellos que poderán recibir unha achega de até 10.000 euros, para afrontar os custes laborais do persoal adicado a animación sociocultural, e dun máximo de 15.000 euros, para sufragar as retribucións de profesionais en xestión cultural.

O programa de subvencións, ademais de ter como principal finalidade a contratación de persoal para as áreas de Cultura municipais, tamén contempla apoiar o mantemento do persoal especializado en cultura, dos departamentos xa existentes nos concellos.

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, sinala que “está liña de axudas naceu para impulsar contratación e a profesionalización do persoal técnico na xestión cultural nos concellos da Coruña, ademais de contribuír ao asentamento dunhas trabes sólidas coas que acadar unha acción cultural de calidade, e sobre todo, accesible a toda a poboación”.

Entre os cometidos nos que deberán afondar o persoal técnico contratado polos concellos atópanse a dinamización e mediación sociocultural na intervención de diferentes grupos de idade, o deseño de políticas de apoio á creación cultural, a xeración dunha oferta cultural variada, ademais do desenvolvemento de enfoques relacionais e cooperativos nos campos de patrimonio, turismo, educación, igualdade, servizos sociais e medio ambiente.

Para o reforzo da profesionalización na xestión cultural dos concellos, a área de Cultura colabora coa Asociación Galega de Profesionais do Xector Cultural (AGPXC) coa que tamén desenvolveu un plan de formación destinado ao persoal técnico xunto coa promoción e elaboración do Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural.

Neste mesmo sentido, en breve se publicarán as bases para a dotación de persoal técnico para museos e centros de interpretación dos concellos de menos de 50.000 habitantes. O destino da contratación son os museos ou centros de interpretación de carácter permanente depositarias de bens móbeis, obxectos ou testemuños de valor histórico, arqueolóxico, artístico, etnográfico, científico ou técnico de interese local.

16 de xaneiro de 2018 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.