publicidade hoxe

A Deputación destina 3.000 euros á celebración da Festa do Chícaro en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFozLocal PortadaLugo
A-
A+
Presentación da Festa do Chícaro

Presentación da Festa do Chícaro

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, presentaron este mércores na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos, a XV Festa do Chícaro de Foz. Trátase da cita gastronómica que terá lugar os vindeiros días 20 e 21 de xaneiro na carpa habilitada no peirao de Foz e nos establecementos de hostalería do municipio. O Goberno da Deputación colabora cunha achega económica de 3.000 euros ao Concello para a celebración desta feira co obxectivo de promocionar o berberecho, un produto autóctono cun factor de singularidade turística capaz de atrae a milleiros de visitantes. Durante o acto estiveron acompañados do director da Escola de Hostalería do IES de Foz, Nicolás Asensio, e membros de asociacións e veciños de Foz.

Campos Conde explicou que “dende o Executivo Provincial buscamos por en valor o marisqueo, unha actividade tradicional da costa de Lugo e un sector estratéxico que dinamiza a economía da nosa provincia e que axuda a crear novos postos de traballo, ademais de fixar poboación. Colaboramos con esta cita gastronómica, xa consolidada na mariña, co obxectivo de potenciar e dar a coñecer este produto exquisito e de primeira calidade da nosa provincia, que reunirá durante as dúas xornadas a miles de persoas e que seguro axudará a impulsar o turismo da zona e o consumo nos locais hostaleiros”.

O Presidente destacou que “o Goberno da Deputación colabora coa Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Lugo cunha achega económica de 18.000 euros para o asesoramento e divulgación da cultura mariñán”.

Na XV Festa do Chícaro ofreceranse máis de 1.200 kg deste manxar que se poderá degustar ao vapor, empanado, á provenzal ou con fabas de Lourenzá. Os pratos preparados na carpa habilitada no peirao de Foz terán un prezo de 5 euros con pan incluído e as actividades completaranse con música e animacións pola rúas.

Programación da Festa

A XV Festa do Chícaro comezará o sábado 20 de xaneiro ás 12:00 horas no peirao de Foz coa inauguración e pregón a cargo do profesor galego, poeta e escritor mariñán Paco Ribas, que ten editados numerosos libros entre os que destacan Fraseoloxía do mar, Entre o ábalo e a zaranda ou De punta a chícote, que recolle o vocabulario dos veciños da mariña. Ás 12:45 horas terá lugar a apertura dos 6 stands, nas que se ofrecerán elaboracións a cargo dos alumnos do Departamento da Escola de Hostalaría do IES de Foz. Durante a xornada matinal o grupo musical Mar Aberto encargarase da animación con música tradicional e xa pola tarde, ás 19:00 horas será a quenda do grupo O Feitizo con batuka e bailes tradicionais. Ás 21:00 horas, para rematar o primeiro día de festa terá lugar a actuación da Charanga NBA. O domingo 21 de xaneiro a Festa do Chícaro continuará nos establecementos hostaleiros de Foz e dende as 12:30 ata as 15:00 horas os grupo Folklóricos e a charanga NBA animarán as rúas do municipio mariñán.

17 de xaneiro de 2018 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.