publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra rematará a consolidación da ladeira do monte en Camos (Nigrán) a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNigránPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra rematará a vindeira semana a consolidación da ladeira do monte que linda coa estrada provincial EP-2102 no lugar de Camos en Nigrán. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o novo noiro recuado permitirá dispoñer de xeito inmediato dunha franxa de seguridade de dez metros entre a ladeira e a estrada, de xeito que as augas de escoamentos as rochas arrastradas desde Chandebrito non caian directamente na vía, permitindo un tránsito rodado seguro.

Os traballos da Deputación en Nigrán iniciáronse por vía de urxencia despois do temporal ‘Ana’ e pretendían, nun primeiro momento, canalizar as augas que non filtraban no monte queimado e asolagaban dúas vivendas do barrio dos Piñeiros (no punto quilométrico 4+000) tras pasar a estrada provincial. A intención era crear un novo colector e unha gabia revestida cun custe estimado de 6.000 euros.

Porén, a medida que se desenvolvían as obras, os servizos técnicos do departamento de Mobilidade (responsable da rede viaria da Deputación) comprobaron que a situación era moito máis complexa, xa que a continua baixada de auga e pedra pola mala situación do monte queimado tamén estaba a desestabilizar a ladeira, con importante risco de caída na estrada provincial.

Constatada a importancia da situación, iniciouse un novo expediente vía urxencia valorado en 30.000 euros para dar solución á incidencia. O obxectivo do novo contrato consiste en recuar a ladeira do monte, retirando as árbores e rochas existentes no borde e neutralizala nun novo noiro estable sen perigo de caída, permitindo tamén unha franxa de seguridade para a plataforma viaria. Estes traballos finalizarán, segundo o persoal técnico provincial, a vindeira semana. Será entón cando os servizos técnicos valorarán a conveniencia de construír un muro de contención.

En canto ás canalizacións de augas que baixan do monte, os proxectistas están a estudar a mellor maneira de dirixir as augas de escoamentos para que non provoquen danos nas vivendas do barrio de Piñeiros. Destacan a necesidade urxente e fundamental de rexenerar o monte en orixe para evitar as baixadas de lameiras e rochas. En calquera caso, estase a localizar unha obra de drenaxe xa existente que pode estar soterrada e que, de habilitarse, solucionaría unha parte do problema. De non atoparse esta canalización, deberá executarse un colector de nova creación. Os servizos técnicos tamén consideran necesario que o Concello habilite as correspondentes canalizacións polos camiños municipais, xa que ao dividir as augas de monte arriba a cantidade que chega a cada punto será menor.

18 de xaneiro de 2018 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.