publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra leva a tecnoloxía á promoción das vilas termais da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, no marco das actuacións que está a impulsar ao abeiro do Plan estratéxico de turismo, comeza esta semana o proxecto para a posta en valor das vilas termais da provincia. Máis polo miúdo, a iniciativa ten por obxectivos instalar nas localidades de Catoira, Mondariz, Ponte Caldelas, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Vila de Cruces, paneis en tamaño A3 con códigos QR con información descargable en texto e audios en galego, castelán e inglés.

A actuación nace dun encontro mantido entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os concellos termais no pasado mes de decembro, para avanzar na promoción dos seus recursos. Neste encontro abordouse a promoción dende unha perspectiva integral, contemplando tamén a importancia dos espazos históricos, naturais, culturais e paisaxísticos vinculados ao termalismo.

Cos novos paneis, que se instalarán a petición dos propios concellos nos espazos que consideren máis axeitados para a súa consulta, vanse mellorar os contidos que se achegan ás persoas turistas e visitantes de cada unha destas sete localidades. Deste xeito, as persoas aloxadas nos establecementos termais poderán obter información sobre todo o potencial histórico, cultural, natural, gastronómico e paisaxístico destes municipios e das súas respectivas contornas.

A Deputación de Pontevedra ampliou a posta en valor do termalismo trala súa incorporación, en 2017, á sección de Vilas termais da FEMP. Corrixiuse así a situación anómala que, pese a ser unha das provincias con maior número de prazas hoteleiras termais, non participaba neste foro.

Xunto aos paneis informativos, que se instalarán esta semana en Catoira, Mondariz, Ponte Caldelas, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Vila de Cruces, tamén se van poñer en marcha accións de promoción on e off line marcadas dentro do Plan estratéxico de turismo Rías Baixas.

8 de xaneiro de 2018 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.