publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra edita unha unidade didáctica para dar a coñecer o carácter poliédrico da camelia nos centros de primaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), Eva Vilaverde, foi a encargada de presentar esta mañá a primeira unidade didáctica sobre a camelia. Este recurso educativo está editado pola Deputación e terá como destino todos o centros educativos de primaria da provincia, toda vez que foi incluída no programa educativo da Consellería de Educación. “Sempre insistimos na necesidade de dar a coñecer o carácter poliédrico da camelia, poñendo en valor as súas posibilidades produtivas e económicas, e nesta unidade didáctica ensinamos a camelia como un cultivo, e non só como unha flor” asegurou a deputada durante a súa intervención. Eva Vilaverde estivo acompañada polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, polo director do CEIP de Campolongo, Manuel Sánchez, polos integrantes de ‘Polo correo do vento’, Carlos Taboada e Enrique Mauricio, e polas técnicos da EFA, Carmen Salinero e Pilar Vela.

Eva Vilaverde asegurou que “se queremos realmente poñer en valor a camelia debemos ensinarlla primeiro ás nenas e aos nenos, de maneira amable , e a través dun recurso coidado, digno, e que fale o seu idioma”. Neste sentido a unidade didáctica inclúe diferentes apartados con información xeral e fichas específicas para profesorado, cun CD que inclúe fotos individuais de cada unha das camelias e carteis e exercicios para imprimir, un apartado cun mapa dos lugares da provincia onde se poden ver e atopar camelias, para que cada centro educativo poida ter lugares próximos de referencia, e unha serie de fichas con exercicios para o alumnado baseadas no conto infantil “A fada das camelias”, así como o propio conto en tres idiomas, galego, español e inglés. A deputada tamén aproveitou para agradecerlle ao xefe territorial de Educación “a súa receptividade cara a este tipo de recursos”, ao ser incluído no programa educativo dos centros. Pola súa banda, César Pérez Ares felicitou tanto á Deputación como ao CEIP de Campolongo polo traballo realizado e asegurou que “Pontevedra e a camelia sempre estiveron intimamente relacionadas, ata o punto de que Pontevedra é a capital da camelia tanto en Galiza como no resto do Estado, e é xa unha simboloxía na nosa provincia”. Pérez Ares insistiu en agradecer a iniciativa “para poñer en valor a camelia, e para levala aos centros educativos”.

Intención de continuidade

Eva Vilaverde fixo especial fincapé en que este recurso educativo “nace dun traballo colectivo para adaptar os contidos ás necesidades curriculares e pedagóxicas esixidas”. Os contidos, que parten de recursos que xa existían na EFA e que se utilizaban cando se recibían visitas escolares nas instalacións de Areeiro, foron completados e adaptados segundo as premisas curriculares necesarias grazas á colaboración de Manuel Sánchez, director do CEIP de Campolongo, e de Óscar Abilleira, que foi o responsable do programa informático utilizado. Eva Vilaverde agradeceu a Manuel Sánchez, director do CEIP Campolongo, o seu esforzo persoal para trasladar á unidade didáctica “todo o traballo que, sobre a camelia, se fai no seu centro educativo ao longo do curso, porque esa experiencia foi o exemplo práctico de que esta unidade didáctica era posible”.

Os autores do conto infantil, o ilustrador Carlos Taboada e o escritor Enrique Mauricio, aseguraron estar moi satisfeitos “co tratamento das ilustracións e dos exercicios” que se inclúen, e destacaron a “transversalidade” no tratamento da información recollida “que vai desde a flor ata os diferentes tipos de produtos como o aceite e o té”. Taboada e Mauricio tamén quixeron poñer en valor “todo o traballo que se fai desde a EFA a prol da camelia e sobre todo orientado ao público infantil, que é o máis idóneo para recoller toda esta paixón”.

30 de xaneiro de 2018 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.