publicidade hoxe

A Deputación de Lugo e o Concello de Sarria, únicas administracións que invisten na 2ª Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+

O Deputado Provincial pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e á Concelleira de Turismo, María Isabel López Lebón, presentaron este martes a 2ª Feira Internacional do porco e os seus produtos autóctonos e X Cocido do Porco Celta de Sarria, que terá lugar os vindeiros días 27 e 28 de xaneiro no Mercado Gandeiro de Sarria e nos establecementos participantes. Deputación e Concello de Sarria son as únicas administracións que invisten na organización de FIPORCO cunha achega de 8.000 euros para promover este produto autóctono e xerar riqueza na provincia.

Na presentación tamén participaron os Alcaldes dos Concellos da Comarca: Paradela, Triacastela, Samos, Láncara, e O Incio, pois colaboran coa difusión da décima edición do Cocido do Porco Celta; así como representantes da Asociación Hostaleira “O Camiño de Santiago” e da Academia Galega de Gastronomía, que contribúen á organización da cita gastronómica.

Rivera Capón subliñou que “é de agradecer o traballo e a implicación do Concello de Sarria na posta en marcha da Feira Internacional FIPORCO, un proxecto que nacía o ano pasado coa intención de alcanzar relevancia non só na nosa comunidade, senón tamén fóra das fronteiras do país. Esta segunda edición da Feira, en paralelo ao Cocido, reunirá a preto dun milleiro de persoas, o que da boa conta da relevancia da cita. E, como non podía ser doutro xeito, dende a Deputación non dubidamos en colaborar para que o evento se consolide e sexa un referente na comarca”.

O Deputado engadiu que “a nosa colaboración coa Festa do Porco Celta enmárcase na aposta do Executivo polo impulso dos produtos autóctonos de calidade para xerar riqueza na provincia. Deste xeito, apoiamos a celebración de numerosas citas gastronómicas ao longo do territorio lugués como a Festa do Berberecho de Foz, a Festa da Empanada de Chantada, a Festa da Castaña do Courel, a Feira do Mel de Muras ou a do Botelo na Fonsagrada, entre outras”.

18 expositores e 4 establecementos participantes

A segunda edición da Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos contará cun total de 18 expositores, entre os que se atopan os seguintes: Teijeiro SL, Cárnicas Sabelugo SL, Embutidos Casa Neiras, Dosmar SL, Embutidos Suarna SL, Cachenas de San Breixo, ASOPORCEL – Porco Celta, Boaga (Federación de razas autóctonas), Queserías Sarrianas, Torta de Sarria, Tartas Artesá Rodrigo, Queixos Casa López, Dosouto conservas de castañas e mermeladas, Adega Terra Brava, Mel Abella Celta, Ario productos gourmet, embutidos e queixos galegos, Pimentón La Ristra, e Embutidos Abuela Delfina.

Ademais, o Cocido do Porco Celta tamén se poderá degustar nos seguintes restaurantes adheridos: Hotel Alfonso IX, Hotel Roma, Restaurante Santiago e Hotel A Veiga de Samos.

Produto autóctono de calidade

O Porco Celta é a única raza autóctona porcina española autorizada para o uso do logotipo raza autóctona 100%. Actualmente, en Galicia existen a redor de 125 explotacións de porco celta, das cales o 40% se sitúan na provincia de Lugo. Existe un censo de 140 verracos, 590 nais e 1700 leitóns e a redor de 1500 animais cebados, inscritos no Libro Xenealóxico Oficial. Debido á alta demanda e ó elevado prezo que alcanza a carne deste animal no mercado, a actividade gandeira con porco celta convértese nunha interesante posibilidade de negocio para os produtores da provincia.

A recuperación do porco celta crea riqueza económica e fixa poboación no rural. Ademais, tamén contribúen á prevención de lumes forestais. Esta raza porcina é moi axeitada para a explotación en sistemas extensivos ao aire libre debido á súas extremidades longas e musculadas adaptadas para a marcha.

Máis colaboracións con ASOPORCEL

A Deputación de Lugo colabora a través da Fundación TIC coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL), nacida en 1999 como entidade sen ánimo de lucro. Así, a TIC asinou un convenio con esta asociación para a elaboración de traballos audiovisuais para contribuír á difusión das actividades que desenvolve ASOPORCEL na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona.

Por outra banda, o Goberno da Deputación permitiu á entidade a contratación dun desempregado lucense que comezará a traballar en ASOPORCEL no mes de maio como administrativo. Fíxoo a través do seu programa de inserción laboral Ben Empregado 4.

Esta entidade foi recoñecida polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o emprego do logotipo 100% Raza Autóctona Celta, a primeira raza porcina española acreditada para a utilización deste distintivo de calidade. Este logotipo é un selo oficial que garante aos consumidores a orixe dos produtos que adquiren baixo esta denominación, así como a súa pureza e cría artesanal.

23 de xaneiro de 2018 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.