publicidade hoxe

A Deputación da Coruña realizará controis de calidade das obras que executa na rede provincial de estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña ten aberto o proceso de licitación dos servizos de control de calidade das obras da rede provincial de estradas. En total, a institución provincial investirá 800.000 euros nos vindeiros dous anos (400.000 euros ao ano, divididos entre cinco zonas xeográficas da provincia) para garantir que a calidade das obras incluídas nos plans de vías provinciais, travesías, sendas peonís e obras de conservación de estradas se adapte ao establecido nos pregos de contratación.

“O obxectivo desta acción é analizar e comprobar in situ que as obras e os materiais empregados se adaptan ao estipulado nos pregos de contratación, nas normativas e nas indicacións da dirección de obra, garantindo así a máxima calidade e seguridade dos traballos realizados nas estradas da Deputación”, afirmou o deputado responsable do departamento de Vía e Obras, José Manuel Pequeño Castro.

Entre as diferentes actuacións requiridas para os correctos controis de calidade de vías e obras atópanse a análise dos planos, detalles, memorias e libros de construción, que deben estar completos e ben redactados, a análise do cumprimento do programa requirido e o cumprimento da normativa aplicable a cada obra.

Co fin de que se cumpran estes requisitos, non se controlarán exclusivamente os materiais utilizados, senón que os equipos de fabricación e posta en obra tamén deben de ser analizados. Xeralmente, os requisitos para cumprir atópanse recollidos no prego de prescricións técnicas particulares do proxecto.

Así, o primeiro paso para o control da calidade dun proxecto é a fixación das especificacións que deben cumprir os diferentes elementos que interveñen no proceso, como os materiais, os estudos e ensaios previos, os equipos e procesos, a execución e a obra rematada.

Durante a etapa de construción, a empresa adxudicataria elaborará o Plan de Calidade de Produción ou Autocontrol, onde se recollerán os conceptos necesarios para a execución das unidades de obra que comprende o proxecto construtivo.

O adxudicatario estará obrigado a redactar un informe mensual, a entregalo dentro dos dez días do mes seguinte, no que se incluirá cada resultado dos ensaios realizados, normativas, e indicacións da dirección da obra. Cando os resultados non foran conformes para o remate da obra, esta deberá ser subsanada.

As bases establecen a creación de cinco zonas diferentes na provincia, correspondendo cada unha delas a un conxunto de estradas provinciais ou sendas, ao obxecto de contratar cada unha delas con un adxudicatario para que efectúe o control de calidade de cada traballo. En cada zona concéntranse os diferentes concellos quedando distribuídos da seguinte maneira:

Zona A –Presuposto 80.000 € ao ano

Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño

Zona B –Presuposto: 80.000 € ao ano

Aranga, Arzúa, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Coirós, Curtis, Irixoa, Melide, Mesía, Miño, Monfero, Oroso, Paderne, O Pino, Pontedeume, Santiso, , Sobrado, Toques, Touro, Vilarmaior e Vilasantar.

Zona C –Presuposto: 80.000 € ao ano

Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Frades, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras, Sada.

Zona D –Presuposto: 80.000 € ao ano

Ames, A Baña, Brión, Cabana, Carballo, Cerceda, Coristanco, Dodro, A Laracha, Malpica, Negreira, Padrón, Ponteceso, Rois, Santa Comba, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Zas.

Zona E- Preuposto: 80.000 € ao ano

Boiro, Camariñas, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Mazaricos, Muros, Muxía, Noia, Outes, Pobra, Porto do Son , Rianxo, Ribeira e Vimianzo.

As empresas interesadas en participar na licitación poderán realizar a presentación da documentación coa súa oferta ata o 29 de xaneiro.

8 de xaneiro de 2018 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.