A Deputación da Coruña presenta en Fitur a nova imaxe dos xeodestinos
O Gran Fondo do Ézaro é o protagonista da presentación oficial da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo (FITUR). Ademais, o grande escaparate de turismo acollerá a presentación da nova imaxe dos seis xeodestinos en que se centra a estratexia de promoción turística.
Unha imaxe renovada, con novos soportes publicitarios e máis información das ofertas dos seis xeodestinos é a principal aposta da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo, que se celebra do 17 ao 21 de xaneiro en Madrid.
O Gran Fondo do Ézaro será, por outra parte, o protagonista da presentación da Deputación no programa oficial da feira o mércores 17 ás 13:30 horas nun acto en que se destacará o se atractivo natural con gran repercusión turística e deportiva, que atrae cada ano a máis de mil participantes. O responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro e o ciclista Ezequiel Mosquera participarán na presentación do que está considerado como un dos grandes eventos dinamizadores da comarca, coa implicación dos concellos limítrofes dos que tamén se agarda presenza institucional no acto de FITUR.
A proba, que se celebrará o 8 de xullo de 2018, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario “equilibrado” que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir no ritmo cotiá dos municipios polos que pasa.
Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 “pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series”, unha competición internacional, organizada pola Unión Ciclista Internacional, na que o Ézaro será a única proba do Estado español, das 21 que a integran.
O organizador valorou positivamente o feito de que o Gran Fondo Ézaro sexa presentado en Fitur e que coa súa presenza na feira Internacional de turismo “transcenda as fronteiras galegas”, onde xa se converteu nunha dos eventos de referencia para as persoas amantes do cicloturismo.
Ademais do espazo no programa oficial de actos, a Deputación da Coruña terá unha presenza activa en FITUR con numerosos encontros e participación en actividades dos distintos concellos e entidades e un programa propio con iniciativas dentro e fóra do recinto feiral.
Novo mapa de interese turístico
Entre outras iniciativas, a área de Turismo presentará oficialmente en Fitur os diferentes materiais e soportes que teñen como obxectivo poñer de relevo os principais recursos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos dos seis xeodestinos da súa estratexia de promoción turística, Ferrolterra, A Coruña e As Mariñas, Costa da Morte, Terras de Santiago, Ría de Muros e Noia e Ría de Arousa Norte. “Temos un territorio cun enorme potencial turístico, tanto a nivel cultural e patrimonial como paisaxístico e os seis xeodestinos, na súa diversidade, son exemplo dunha oferta de calidade que ten en FITUR un escaparate de promoción internacional”, sinala o deputado de Turismo, Xosé Regueira.
A feira de turismo que se desenvolve en Madrid será tamén o evento elixido para presentar o novo mapa da provincia no que se indican os lugares de interese turístico, así como os principais enclaves paisaxísticos e patrimoniais ,materiais que se están a distribuír xa nas oficinas de información turísticas.
O Concello de Ferrol como “Destino de turismo de congresos e eventos”; a mancomunidade Arousa Norte ; Pantín Classic; a Asociación Turística Costa da Morte; o xeodestino Ría de Muros e Noia presentando a regata “La solitaire urgo lle Figaro 2018” ou o Concello da Coruña anunciando o “ano de Picadillo” son algunhas das propostas que chegaran nesta edición a FITUR dos concellos da Coruña.
O Concello de Santiago de Compostela presentará o seu plan estratéxico 2017-2022 e a mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés fará gala do recoñecemento do 25 aniversario do Camiño de Santiago declarado como Patrimonio Mundial. Pola súa parte, o Concello de Ortigueira celebra en FITUR o 40 aniversario do Festival Internacional Celta e os Concellos de Padrón, Ames e Brión mostrarán os atractivos da ruta Rosaliana.
Nun acto que se desenvolverá na Casa de Galicia, o Concello de Muxía, presentará o proxecto de “Muxía Rural” que ten o seu eixo no potencial como destino ornitolóxico.
Durante a pasada edición de FITUR, a feira contou con máis de 240.000 participantes -entre profesionais do sector e público xeral-, chegados de 165 países diferentes, estando esta cita recoñecida como unha das principais mostras de Turismo a nivel internacional.