A Deputación da Coruña premia con 75.000 euros as mellores iniciativas empresariais da provincia
O vindeiro 31 de xaneiro remata o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial, convocado pola Deputación da Coruña, que este ano concederá tres galardóns por un importe total de 75.000 euros.
Para participar, os requisitos son ter domicilio fiscal e centro de traballo nalgún dos concellos da provincia da Coruña e estar constituída como pequena, mediana empresa ou microempresa ou estar dado de alta no réxime especial de traballadores autónomos.
75.000 euros en premios
Ao igual que o ano pasado, o premio contará coas categorías de Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dotada con 25.000 € e dirixida a proxectos emprendedores con menos de 12 meses de antigüidade, e Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, tamén con 25.000 euros de premio para aquelas empresas que conten con máis de cinco anos de actividade.
En ambas as dúas categorías os criterios que se han valorar serán a orixinalidade do modelo de negocio, o seu grao de innovación, a participación en redes de networking ou a implantación de medidas de RSC, entre outros.
Como novidade principal nesta edición, haberá unha terceira categoría, que premiará as iniciativas empresariais socialmente responsables que contribúan ao crecemento sostible da provincia nos ámbitos económico, medioambiental e social. Valórase a idea de negocio e as medidas implantadas en ámbitos como o desenvolvemento sostible, a conciliación laboral, familiar e persoal ou a promoción da igualdade de xénero, entre outros. Nesta nova categoría dótase tamén un galardón de 25.000 euros.
Impulso ao tecido empresarial
A Deputación da Coruña convoca o Premio á Mellor Iniciativa Empresarial dentro do seu Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019, co obxectivo de recoñecer e fomentar as iniciativas emprendedoras e o traballo das empresas na provincia.
O ano pasado, o galardón contou cunha elevada participación. Máis de 70 candidaturas concorreron ao certame, converténdose nun dos premios de referencia para as empresas coruñesas. As empresa pontesa EVASA e a start-up compostelá E-monte foron as gañadoras da pasada edición, das que o xurado destacou a súa aposta pola innovación.
As candidaturas gañadoras do II Premio daranse a coñecer no primeiro semestre do ano nun acto que presentará como novidade a habilitación dun espazo de networking no que todas as empresas candidatas poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos, e aquelas que así o desexen disporán do seu propio stand informativo.