publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste 326.659 euros na renovación da rede viaria de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso licita, por 326.659 euros, melloras na rede viaria das parroquias de Trasmonte, Vilarromarís, A Gándara e Calvente. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación destes traballos, que financia a Deputación da Coruña a través do seu Plan Único.

A maior parte dos fondos do plan provincial, que entre os anos 2017 e 2018 destina un total de 1.669.474,14 euros ao Concello de Oroso, destinaranse a este tipo de obras de mellora na rede viaria municipal. Ademais do proxecto que sae hoxe a licitación, o Concello tamén decidiu financiar a través do Plan Único a creación de beirarrúas no Camiño do Refuxio e nas rúas Barreiro e Tras da Torre, situadas en Sigüeiro, así coma a creación dun paso cuberto que conectará os campos e pistas deportivas do patio do colexio infantil. Por outra parte, 48.705 euros destínanse á redución de débeda, contribuíndo así ao saneamento das contas municipais.

O proxecto que sae hoxe a licitación inclúe diversos viais da parroquia da Gándara, coma Piñeirón –Porto Avieira, Piñeirón – A Falmega, A Igrexa – Porto Avieira e a Rúa Celso Emilio Ferreiro. Tamén se levarán a cabo reformas nos camiños de Piñeiro e A Costa-Zan na parroquia de Trasmonte, Valverde-Berdomás en Vilarromarís e Mixoi-Castiñeiro Redondo en Calvente.

Estas obras contribuirán a aumentar a seguridade tanto dos viandantes como do tráfico rodado, así coma a eliminar as barreiras arquitectónicas e a mellorar os servizos básicos nos viais de titularidade municipal.

Con este obxectivo, na Rúa Celso Emilio Ferreiro, situada na urbanización Porto Avieira, crearase unha nova canalización para a recollida das augas pluviais que evitará as anegacións na calzada. O novo sistema de evacuación de augas contará con tubaxes de PVC e varias arquetas sumidoiros.

Nesta mesma rúa tamén se repararán os desperfectos no pavimentos asfáltico, executando unha nova subbase con capas de cachote de canteira, que actuará como material drenante, zahorra artificial e grava. Posteriormente, estenderase mestura bituminosa en quente para repavimentar a calzada.

En todos os viais, arranxaranse tamén os defectos no pavimento, coma as fochas e as gretas, aplicaranse un triplo rego asfáltico e perfilaranse as cunetas a ambos lados.

As obras tamén incluirán o pintado das liñas de sinalización viarias e os pasos de peóns e diversos traballos complementarios de limpeza e acondicionamento nas marxes dos viais.

11 de xaneiro de 2018 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.