A Deputación da Coruña informa aos concellos da provincia sobre o Bono Social eléctrico para persoas vulnerábeis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña xunto coa Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) organizan o vindeiro 11 de xaneiro unha xornada de formación sobre o Bono Social. A deputada Ánxela Franco defendeu a enerxía como “servizo social e dereito de todas as persoas” e reclamou a implicación institucional para eliminar a pobreza enerxética.

A xornada organizada desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña diríxese fundamentalmente ao persoal técnico dos Servizos Sociais dos concellos e ten como obxectivo a formación dos procedementos e requisitos relacionados coa solicitude do novo modelo de bono social, así como o papel que nas novas solicitudes prestan os propios Servizos Sociais, como entidade á hora de certificar ou acreditar circunstancias especiais dos solicitantes.

Na xornada daranse nocións básicas sobre a factura eléctrica, para despois afondar nas condicións nas que se pode solicitar o bono social, así como dos procedementos a seguir. Entre outras cousas, tratarase do Real Decreto 897/2017, de 6 de outubro, polo que se regula a figura das persoas vulnérábeis, o bono social e outras medidas de protección para as consumidoras e os consumidores domésticos de enerxía eléctrica, así como na Orde ETU/943/20117, de 6 de outubro, pola que se desenvolve o Real Decreto 897/2017, polo que quedan establecidas as novas figuras de persoas consumidoras vulnerábeis, así como as medidas tomadas para a súa protección.

A Deputada de Servizos Sociais, Educación e Igualdade, Ánxela Franco, explicou que a xornada organízase coa “vontade de contribuír a que os concellos resolvan da maneira máis eficaz a xestión do bono social no camiño de eliminar a pobreza enerxética, unha inxustiza que é exemplo da gran desigualdade que continúa a haber na nosa sociedade e das situacións críticas polas que atravesan moitas persoas”. Ánxela Franco defendeu a enerxía como “un dereito de todas as persoas e un servizo público” e lembrou tamén que o pasado ano se aprobou no Parlamento Galego por unanimidade unha iniciativa lexislativa popular que reclamou unha tarifa eléctrica galega máis reducida en calidade de país produtor e medidas para combater a pobreza enerxética. A ILP falaba desta situación en unidades familiares que empregan o 10% dos seus ingresos en pagar recibos de luz ou gas e non poden ter a súa vivenda entre os 18 e os 21 graos. “É preciso unha implicación de todas as institucións e, de maneira especial, da Xunta de Galicia para que a enerxía deixe de ser un negocio e pase a ser un dereito, e que se nos apliquen as bonificacións en canto territorio produtor”, engadiu Ánxela Franco.

9 de xaneiro de 2018 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.