publicidade hoxe

A Deputación da Coruña atende as demandas de SOS Sanidade Pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, e a responsábel da área de Servizos Sociais, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, reuníronse con representantes de SOS Sanidade Pública e atenderon as demandas do colectivo que se está a mobilizar contra o proxecto de lei de cambio da Lei de Saúde.

Nunha xuntanza que se desenvolveu na Deputación da Coruña, representantes da plataforma SOS Sanidade Pública explicáronlle á vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei e a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco as demandas que están a defender e que serán protagonistas das próximas concentracións comarcais o próximo mércores 24 de xaneiro ás 20 horas e, de maneira especial, na manifestación galega que terá lugar o vindeiro 4 de febreiro en Santiago na defensa da sanidade pública.

Entre outros temas, o grupo de representantes de SOS Sanidade Pública explicaron as súas demandas que pasan por evitar situacións de caos nas urxencias hospitalarias como as que aconteceron ao longo deste mes, a redución das listas de agarda ou unha atención primaria ao dispor das persoas sen esperas e con capacidade de resolución de problemas.

Na xuntanza insistiron no rexeitamento do proxecto de lei de cambio da Lei da Saúde porque, ao seu ver, vai reducir a atención dos hospitais comarcais e as posibilidades de participación da cidadanía na avaliación da sanidade e consolida a presenza dos intereses privados na investigación pública e na formación de profesionais sanitarias.

Tanto Goretti Sanmartín como Ánxela Franco manifestaron o apoio do goberno da Deputación da Coruña ás demandas da plataforma e lembraron que o pasado ano foi aprobada en pleno unha moción de acceso universal ao sistema público de saúde coas demandas da propia plataforma.

16 de xaneiro de 2018 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.