A Deputación da Coruña aposta por concellos “máis sociais e máis iguais” co incremento no financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios
“Concellos máis sociais, concellos máis iguais” é o lema da xornada que reuniu hoxe na Deputación da Coruña a persoas responsábeis políticas e técnicas das áreas de Servizos Sociais municipais co obxectivo de poñer en común o programa de financiamento dos servizos sociais comunitarios. A deputada Ánxela Franco presidiu o encontró e destacou o compromiso social da institución que se manifesta nun programa ao que se destinan sete millóns de euros, tres máis que o exercizo pasado.
A sede Deputación da Coruña acolleu esta maña unha xuntanza informativa, cos técnicos e responsables dos servizos sociais dos concellos, na que se explicaron as principais características do programa de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios para o ano 2018.
Baixo o lema “Concellos máis sociais, concellos máis iguais” a responsable da área de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, xunto coa xefa de sección de servizos sociais, Carolina Buhigas explicaron aos responsables municipais as diferentes liñas de colaboración ás que poden concorrer os 83 concellos de menos de 20.000 habitantes- en aras de contratar e soster persoal administrativo, técnico ou de servizos de axuda a domicilio.
Dotado cun orzamento de 6.925.533 millóns de euros, o programa de Servizos Sociais Comunitarios ten como obxectivo acadar a igualdade e a obxectividade na distribución das axudas aos concellos, posibilitando, así mesmo, que todos os municipios poidan incorporar persoal administrativo específico para a área de Servizos Sociais.
Deste xeito, os técnicos e técnicas municipais veríanse liberados dunha parte das tarefas que asumen na actualidade, e así, poder adicarse de xeito integro a atender ao público da área de servizos sociais e desenvolver os seus programas.
Durante a súa intervención, a responsable da área de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco destacou o “incremento orzamentario” que presenta o programa de Servizos Socias para este 2018, unha suba de case 3 millóns de euros con respecto do exercicio pasado, e coa que dende a Deputación “pretendemos adaptarnos a realidade social que presentan cada un dos concellos, e os servizos que prestan”.
A deputada de Benestar Social valorou positivamente o esforzo e as achegas realizadas polos responsables dos servizos sociais de cadanseu concello, e sinalou que grazas as súas aportacións e suxerencias “avánzase cara unha mellora na calidade e eficiencia dos servizos”.
Pola súa banda, Carolina Buhigas subliñou que o programa incide na igualdade para todos os concellos e na obxectividade na distribución das axudas, e que, a Deputación financiará o gasto en persoal administrativo adscrito aos servizos sociais municipais. Así, os concellos que non dispoñan deste persoal poderán incluílo na solicitude de axuda e estableceuse un prezo de 12 euros/hora para a axuda social básica no fogar.
Buhigas tamén apuntou que o programa da Deputación pretende contribuír a “estabilización laboral do persoal da área nos concellos”, e comentou que a nova dotación económica axudará a “corrixir as disparidades salariais existentes entre o persoal técnico e administrativo da área de servizos sociais nos distintos concellos”.
O prazo para adherirse ao programa de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios da Deputación da Coruña remata o vindeiro día 9 de febreiro.