publicidade hoxe

A Deputación da Coruña aposta polo Turismo de calidade e a súa profesionalización con dúas novas liñas de axuda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Apoio ás entidades do sector e contratación de persoal técnico de oficinas de información turística nos concellos son os obxectivos das dúas liñas de axuda que convoca a área de Turismo da Deputación da Coruña.

Con estas dúas liñas, a Deputación da Coruña continúa coa súa aposta decidida pola dinamización e profesionalización do sector turístico da provincia contribuíndo á mellora da calidade das actividades e eventos do sector.

Por unha parte, a área de Turismo dota cun orzamento de 750.000 euros do novo programa de subvencións destinado aos entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos que teñan previsto organizar eventos e actividades turísticas durante o ano 2018. A convocatoria coas bases saía publicada o pasado día 5 de xaneiro no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e o seu obxectivo é promover a mellora da calidade e a competitividade das actividades turísticas que se desenvolven nos municipios coruñeses asumindo ata o 80% dos gastos derivados da súa realización. Deste xeito, as entidades que presenten os seus proxectos ao procedemento en concorrencia competitiva que vén de publicar a institución, poderán acceder a unha axuda máxima de 120.000 euros cos que sufragar os custes xerais vencellados á organización, publicidade e realización dos eventos.

A Deputación valorará positivamente aqueles proxectos que leven emparellado un incremento da calidade turística, así como as iniciativas que incidan dun xeito directo na profesionalización do sector.

Convocatoria de persoal técnico até o 19 de xaneiro

Neste senso, o novo programa de axudas engádese o aprobado o pasado mes de decembro polo Servizo de Promoción Económica, Turismo e Emprego da Deputación da Coruña, e que, dotado cun orzamento de 800.000 euros, ten por obxecto apoiar á contratación de persoal técnico para as oficinas de Turismo dos concellos que conten cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes.

Respecto desta liña de subvención, os concellos e agrupacións de concellos que queiran participar no programa, teñen ata o día 19 de xaneiro para presentar as súas solicitudes e así acceder a unha achega económica de entre 10.000 e 20.000 euros cos que financiar as retribucións dos técnicos e persoal da área de Turismo.

O responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, subliñou que “a Deputación da Coruña está a contribuír de maneira decidida na profesionalización e na oferta dun turismo de calidade e, neste sentido, estas dúas convocatorias son de especial relevancia”. O deputado da área de Turismo destacou o importante cambio que está a supor o apoio da Deputación á contratación de persoal técnico nos concellos sendo así a a institución que máis se ten comprometido na dotación das oficinas de información turística dos concellos.

Con estas dúas actuacións, a Deputación da Coruña ratifica o seu compromiso por acadar un Turismo de calidade na totalidade dos seus concellos, procurando artellar dinámicas positivas en torno as actividades turísticas que se desenvolven nas súas comarcas e xeodestinos

9 de xaneiro de 2018 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.