A Deputación da Coruña adiantará aos concellos 138,2 millóns de euros da recadación de impostos en 2018
A Deputación da Coruña aumenta este ano ata o 98% o anticipo a conta da recadación dos impostos municipais. Isto suporá que os 81 concellos que teñen delegada a recadación de impostos na Deputación, ademais do Consorcio das Mariñas, recibirán por adiantado 138.271.553,60 euros, que corresponden á recadación estimada para o ano 2018 en base á liquidación de tributos municipais coma o Imposto de Bens Inmobles (IBI), o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto de Actividades Económicas (IAE) ou a taxa de recollida de lixo.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “este novo incremento do anticipo a conta significa, na práctica, que os concellos coruñeses recibirán por adiantado 8,94 millóns de euros máis que o ano pasado” e subliñou que “a Deputación adianta aos concellos a práctica totalidade da recadación anual”.
González Formoso lembrou que o anticipo a conta da recadación xa se incrementou desde o 90% en 2015, ata un 95% no 2016 e no 2017, situando á Deputación da Coruña entre as administracións provinciais que realizan un maior esforzo nesta materia a nivel estatal.
Adianto mes a mes
O presidente provincial tamén indicou a importancia desta medida para “contribuír ao saneamento das economías municipais”, xa que a Deputación adiantará estes fondos mes a mes a cada concello, evitando así que teñan que esperar a finais de ano para facer a liquidación.
Deste modo, mellorarase de forma notable a liquidez dos concellos e se facilita que poidan cumprir coas súas obrigas financeiras, coma o pago a provedores, con maior axilidade ou mellorar a prestación de servizos públicos.
“Para os 81 concellos que confían a recadación dos impostos na Deputación, é un tranquilidade contar puntualmente con este adianto, que supón unha parte importante dos ingresos municipais”, engadiu o presidente provincial.