publicidade hoxe

A Consellería de Política Social anima ás persoas interesadas a dar o paso e converterse en familias acolledoras de menores que o precisan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na mañá de hoxe na presentación da exposición itinerante sobre o Programa de Acollemento Familiar que permanecerá ata o 16 de febreiro no edificio administrativo da Xunta en Ferrol.

A mostra ideouse como unha chamada á sociedade para normalizar e visibilizar o acollemento dos menores que precisan unha familia, así como unha motivación para que máis familias acollan. Os paneis que conforman a exposición amosan testemuños reais de xente que viviu de preto o acollemento. Rey varela fixo un chamamento para que aquelas persoas interesadas dean o paso e sexan familias acolledoras. “Pode acoller calquera persoa, matrimonio ou parella de feito con ou sen fillos”, afirmou Rey Varela engadindo que “o único que é necesario é ter a vontade de facelo e a capacidade de darlle aos menores os coidados, a seguridade, a educación e o cariño que precisan”.

O acollemento familiar é unha medida de protección que ten como obxectivo dar un fogar a nenos, nenas ou adolescentes que están baixo a tutela ou garda da Xunta de Galicia porque non poden ser atendidos axeitadamente polas súas familias. Sempre se procura que permanezan coa chamada familia extensa (avós, tíos, etc), pero se non é posible búscase una familia allea que poida atender as súas necesidades.

Desde o ano 1995, a Xunta de Galicia desenvolve esta iniciativa en colaboración con Cruz Vermella. A entidade encárgase de executar o programa realizando accións de difusión, e de selección das familias que poden acoller e ofrecéndolles formación, apoio e asesoramento tanto previamente como durante o tempo que dure o acollemento. Os datos ata decembro de 2017 reflicten que 160 familias acolleron a 203 menores. O orzamento previsto para este 2018 é de 330.000 euros.

Cómpre destacar que a administración autonómica destina case 3,5 millóns de euros para o total de medidas e programas que desenvolve en materia de acollemento. Así mesmo, o ano pasado a Xunta incrementou nun 9% a partida económica destinada ás familias acolledoras, o que permitiu aumentar a remuneración dos acollementos de menores na franxa de idade máis numerosa (de 3 a 18 anos), pasando de 240 a 280 euros. No caso os menores dun ano, as familias reciben 600 euros ao mes, e para os nenos e nenas dun a tres anos a contía é de 400 euros mensuais.

O titular do departamento autonómico agradeceu a Cruz Vermella o “encomiable traballo que fai ao xestionar un proxecto tan fermoso como o de familias acolledoras” e asegurou que “o noso obxectivo é outorgarlle un fogar a aqueles nenos e nenas que carecen, de xeito temporal ou permanente, do calor dos seus pais e nais”. Así mesmo, Rey Varela destacou a solidariedade e xenerosidade das familias acolledores, sen as cales este programa non sería posible.

O conselleiro destacou as importantes medidas que ten desenvolvido a Xunta de Galicia en prol do acollemento e referiuse ao feito de que “dos 1.114 menores tutelados pola Xunta de Galicia, o 56% atópanse en acollemento familiar e dentro deles, o 85% están acollidos en familia extensa, sendo este o recurso máis idóneo porque mantén aos menores no seu entorno socioeducativo e emocional”. Así mesmo, Rey Varela lembrou que coa Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia “protexemos e favorecemos a permanencia do neno ou nena nunha familia, dando prioridade ao acollemento sobre o internamento residencial”.

31 de xaneiro de 2018 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.