publicidade hoxe

A Xunta reforza os centros sociocomunitarios como espazos para a convivencia entre xeracións e o envellecemento activo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado Puente, visitou na xornada de hoxe no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa o Centro Sociocomunitario de Vilaxoán. O responsable deste departamento autonómico aproveitou para dialogar cos usuarios e usuarias deste equipamento pertencente á Administración galega e aberto a toda a cidadanía no que se fomenta o desenvolvemento de actividades tanto de formación como de animación sociocultural dirixidas a propiciar as relacións entre os distintos sectores da poboación, cunha especial dedicación ás accións relacionadas coa prevención da dependencia e a autonomía persoal.

Arturo Parrado sinalou que “un dos obxectivos desta lexislatura pasa pola posta en valor e relanzamento dos centros sociocomunitarios, como espazos para a integración e socialización, así como para propiciar unha vida activa e participativa mediante a programación de actividades”. Na actualidade a Xunta conta con 44 centros deste tipo dos que gozan cada ano preto de 30.000 persoas maiores. Destes centros, 16 se atopan situados na provincia de Pontevedra, 13 na Coruña, 11 en Ourense e 4 en Lugo.

A Consellería de Política Social destina cada ano preto de 1,6 millóns de euros ao financiamento dos gastos de mantemento e realización de actividades destes centros sociocomunitarios, ademais de chegar a acordos con entidades que usan estes espazos para a realización das súas actividades, abertas a todos os seus usuarios.

No caso do centro de Vilaxoán, salientan as actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e as deportivas, tales como cursos de internet, pilates ou ioga; todas elas encamiñadas a favorecer o envellecemento activo e saudable. Xunto con estas accións, teñen lugar outras máis vencelladas coa ocupación activa do ocio, o desenvolvemento da creatividade, a conservación das tradicións musicais e as relacións interpersoais, como obradoiros de pintura ou de gaita, entre outros.

Asemade, como centro inmerso na comunidade, colabora con todo tipo de asociacións locais á hora de organizar diferentes eventos coincidindo coas festas locais, como son as comparsas do entroido, o enterro da sardiña ou os festexos patronais.

O centro sociocomunitario de Vilaxoán dispón de servizo de cafetaría e lectura de prensa diairia, permanecendo aberto ao público todos os días da semana. Ademais, é un centro de referencia para a información e tramitación de todo tipo de solicitudes ante as diferentes administracións públicas.

4 de decembro de 2017 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.