publicidade hoxe

A Xunta realiza actuacións de mellora e eficiencia enerxética en centros de Ferrol, A Estrada, Castro Caldelas e Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCastro CaldelasFerrolLocal PortadaVilalba
A-
A+

A Xunta de Galicia levou a cabo obras de mellora enerxética en catro centros dependentes da Consellería de Política Social, que consistiron na instalación de caldeiras de biomasa que funcionan a base de pellets e que permiten un importante aforro. Os centros beneficiados por esta mellora foron a Residencia de Maiores de Caranza, en Ferrol; o Centro Sociocomunitario e de Benestar de Vilalba, en Lugo; a Residencia de Maiores da Estrada, en Pontevedra; e a Residencia de Maiores de Castro Caldelas, en Ourense.

O presuposto total das catro obras ascendeu á cantidade de 380.101,93 euros, e finalmente foron adxudicadas por un total de 367.742,24 euros. As tarefas consistiron na substitución das caldeiras existentes nos centros –que funcionaban mediante o uso de combustibles fósiles, gasóleo e gas natural- por unhas modernas caldeiras de biomasa que empregan pellets para o seu funcionamento. Deste xeito, pasarase de consumir 50.000 litros de gasóleo e 119.590 metros cúbicos de gas natural ao ano cun custo de 99.960 euros ao ano, a consumir 255.123 quilogramos de pellets, cun gasto de 48.500 euros por exercicio, o que representa un aforro anual de 51.460 euros.

A administración autonómica realizou estes traballos ao abeiro das subvencións establecidas na Resolución de 14 de marzo de 2017, pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de equipos térmicos de biomasa, para o ano 2017, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

En concreto, a potencia das novas caldeiras de biomasa instaladas en cada centro e o seu custo foi o seguinte: no Fogar de Maiores de Caranza instalouse unha caldeira de 640 quilovatios cun orzamento de licitación de 222.500 euros; dotouse ao Centro Sociocomunitario de Vilalba dunha caldeira de 128 quilovatios cun presuposto de licitación de 41.449,17 euros; as obras de instalación da nova caldeira na Residencia de Maiores da Estrada de 192 quilovatios licitáronse por 60.399,99 euros; e as da Residencia de Castro Caldelas de 128 quilovatios tiveron un orzamento inicial de licitación de 55.752,77 euros.

18 de decembro de 2017 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.