A oferta náutica galega promoverase no Salón Náutico de París da man de Turismo de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A oferta náutica da Comunidade galega estará presente esta semana na LVII edición do Salón Náutico de París da man de Turismo de Galicia, ao obxecto de promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas galegas, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.

Este ano, Turismo de Galicia instalou un stand de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que chega á súa LVII edición e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa desde hai 18 anos.

O recinto para promover o turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visiten a feira.

Por outra parte, a entidade Portos de Galicia estará representada tamén no stand de Galicia apoiando a promoción e a consolidación da comunidade galega como destino náutico de primeira orde internacional.

Axentes especializados

Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, Turismo de Galicia e Portos de Galicia desenvolverán unha axenda de reunións, na que se incluirán encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios.

O Salón Náutico de París contará este ano coa presenza de máis de 600 expositores e máis de 1.000 barcos. Na súa edición de 2016 fora visitada por máis de 200.000 persoas.

Segundo datos da presenza de Galicia en anteriores edicións, a gran maioría dos visitantes son afeccionados á náutica que valoran moi positivamente as condicións de navegabilidade da nosa costa, a gastronomía, a paisaxe e a hospitalidade da xente. O perfil dos visitantes con maior interese pola nosa Comunidade corresponde a persoas de máis de 40 anos procedentes de Bretaña e Normandía e doutros países limítrofes como Bélxica. Galicia resulta ser un destino atractivo como escala para travesías do Atlántico.

4 de decembro de 2017 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.