Marta Míguez visita ás obras levadas a cabo nas instalacións deportivas dos concellos de Ordes e A Baña
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, visitou na mañá de hoxe os Concellos de Ordes e da Baña para dar conta das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia para mellorar as instalacións deportivas dos municipios coruñeses. A máxima responsable do deporte galego insistiu unha vez máis na importancia da coordinación entre as diferentes institucións públicas para acadar un mapa de infraestruturas deportivas renovado e que cubra á perfección as necesidades da poboación galega.
Por unha banda, no Concello de Ordes, a secretaria xeral supervisou o estado do almacén do campo de fútbol municipal de Vista Alegre, construído segundo o convenio asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o concello coruñés o pasado 20 de marzo de 2017. O importe total das actuacións ascendeu a 60.464,46 euros, dos que a Xunta de Galicia achegou 50.000 euros e o Concello de Ordes os restantes 10.464,46 euros.
Por outra banda, no Concello da Baña, Marta Míguez comprobou o estado das instalacións deportivas municipais tras as obras levadas a cabo para a mellora das mesmas e que estiveron centradas na reforma de fiestras e humidades no polideportivo. Estas actuacións foron executadas de acordo ao convenio asinado o pasado 6 de abril de 2017 e no que se expuña que a Secretaría Xeral para o Deporte subvencionaría a totalidade do importe das actuacións cunha achega de 40.000 euros.
Marta Míguez apuntou que a Xunta de Galicia continuará apostando pola remodelación das infraestruturas deportivas de Galicia para que todos os galegos e galegas “poidan ter acceso a unhas instalacións renovadas e que isto redunde nun incremento da práctica deportiva e, por conseguinte, da saúde do noso pobo”.
Cómpre sinalar que a Secretaría Xeral para o Deporte destinará no próximo 2018 unha contía de 2.983.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia, dos que 1.100.000 euros corresponden ao Capítulo 760 para as obras nas infraestruturas deportivas dos concellos de Galicia. O montante total destinado a obra propia e obras nas infraestruturas deportivas dos concellos aumenta un 23% con respecto ao destinado en 2017 (2.425.570 euros).