publicidade hoxe

Francisco Conde valora o impulso aos parques empresarias nos que a Xunta inviste en 2017 preto dun millón de euros na provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeva
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou, durante a visita que realizou ao parque industrial de Trado, en Pontedeva, o impulso da Xunta aos polígonos industriais a través tanto das liñas de axudas -este ano na provincia de Ourense investirase un millón de euros- como das medidas da Lei de implantación empresarial. Insistiu na importancia da aposta polo rural “para dotalo de infraestruturas desde o punto de vista industrial e que poida desenvolver proxectos que xeren emprego e vertebren a súa vida económica”.

O conselleiro explicou que o polígono de Trado é un dos 61 parques que este ano recibiron axudas para realizar un total de 75 proxectos que o Goberno galego apoiou con máis de 4 millóns de euros. En concreto, a actuación consistiu na execución dun vial de acceso de case 150 metros de lonxitude dotado cos mesmos servizos que os viais interiores, unha obra que recibiu unha axuda de 95.600 euros e que veu completar a realizada o pasado ano, tamén dentro desta liña de apoios. Desde o 2012, este polígono accedeu a 400.000 euros para a súa modernización co obxectivo de mellorar as súas infraestruturas e facelo máis atractivo e funcional para as empresas. Trado, ademais, accederá o vindeiro ano 2018 ao Plan de Banda Larga da Xunta. “Todas estas medidas axudan a xerar oportunidades orientadas a captar novos investimentos e facer mais competitivo o tecido empresarial”, asegurou.

O conselleiro tamén explicou que este programa de axudas, ao que o ano que vén se destinarán 5,84 millóns de euros, permite este ano realizar actuacións nun total de 10 polígonos da provincia de Ourense nos que se invisten preto dun millón de euros. Cifra que ascende a 6,76 millóns de euros se se teñen en conta os proxectos que recibiron apoios desde o ano 2009.

Na súa visita ao polígono de Trado, Conde explicou que ademais dunha maior simplificación administrativa, a Lei de implantación empresarial permite a urbanización parcial das áreas empresarias axustándose á demanda real de solo; facilita o pagamento aprazado e sen xuros na compra de parcelas; e crea un censo para ter en tempo real unha radiografía do solo industrial galego.

O conselleiro tamén se referiu ás vantaxes fiscais, tanto nos tributos autonómicos -coa exención de cotas dos impostos de actos xurídicos documentados para as operacións realizadas en solo industrial de titularidade da Xunta-, como nos impostos municipais. Así, as administracións locais que se sumen ao convenio de Concellos emprendedores terán preferencia en determinadas convocatorias de axudas, como a de parques empresariais.

Neste sentido, Conde sinalou que as medidas que promove a Lei de implantación empresarial complementan os apoios que a Consellería outorga cada ano aos parques empresarias galegos para modernizalos e mellorar a súa competitividade.

21 de novembro de 2017 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.