publicidade hoxe

Entrega de tres vivendas de promoción pública no Valadouro e unha en Xove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO ValadouroXove
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda fixo entrega hoxe de tres vivendas de promoción pública situadas no Valadouro e outra no municipio de Xove.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou no acto de entrega das chaves aos adxudicatarios, e destacou a dilixencia coa que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tramita os procesos de adxudicación “para dar a oportunidade de acceder aos pisos ao maior número de demandantes posible”.

Neste caso, trátase da transmisión de tres vivendas situadas nos números 9 e 11 da rúa José Antonio Ferreiro González, no Valadouro. Todas miden 90 metros cadrados, teñen catro dormitorios e están dotadas de garaxe e trasteiro. Adxudícanse en réxime de aluguer e a entrega de chaves tivo lugar na Casa do Concello.

Tamén na Consistorial de Xove entregouse outra vivenda do IGVS en aluguer, neste caso situada no portal número 2 da rúa Os Chozos da localidade. Mide 83,39 metros cadrados, conta con tres dormitorios e igualmente ten asignados un garaxe e un trasteiro.

Balseiro subliñou que a Xunta dispón dun extenso parque público de vivenda protexida en todas as comarcas da provincia, “para que as persoas que o precisen poidan optar a unha vivenda digna no entorno xeográfico da súa elección”.

Neste sentido, explicou que as vivendas entregadas forman parte dos sorteos realizados polo IGVS entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, ao que poden incorporarse en calquera momento todas as persoas interesadas en participar neste tipo de procesos.

7 de novembro de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.