Convocan aos propietarios dos terreos afectados pola construción dunha senda peonil e ciclista entre Ribadumia e Cambados
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se convoca para o 30 de novembro aos propietarios dos terreos afectados pola construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-300, entre Vilariño e o polígono do Salnés, para o levantamento de actas previas.
Os titulares dos terreos ubicados en Cambados deberán acudir ao Concello, entre as 9.30 e as 9.45 horas; e no caso de Ribadumia, achegaranse á casa consistorial entre as 10.30 e as 12 horas. Neste enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://goo.gl/Vb9Ach
A execución deste itinerario forma parte do Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés, co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable. Esta actuación, cun investimento que supera os 340.000 euros, será cofinanciada polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A actuación consiste na execución dunha senda de algo máis dun quilómetro para uso de peóns e de ciclistas na marxe dereita da estrada PO-300, nos Concellos de Ribadumia e Cambados.
A senda iníciase no Pq. 9+310 da PO-300, onde se atopa a primeira intersección de acceso ao polígono industrial do Salnés e desenvolverase pola marxe dereita da estrada ata conectar coas beirarrúas existentes en Sameiro (Pq. 10+270) e Vilariño. Esta infraestrutura permitirá completar un itinerario peonil continuo desde o polígono industrial do Salnés ata Cambados.
A sección tipo da senda contará con 3 metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de 0,5 metros, e os correspondentes bordos de separación.
A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.