publicidade hoxe

A Xunta prepara en Ames a 15 participantes no marco da Estratexia de inclusión social de Galicia para a comercialización de carne

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal Portada
A-
A+

Un grupo de 15 persoas que participan na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020, impulsada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e co-financiada polo Fondo Social Europeo, están a realizar un curso de acondicionamento de carne para a súa comercialización na localidade de Bertamiráns, no concello coruñés de Ames.

Esta formación, que comezou o pasado día 13 e se estenderá ata o 7 de decembro, en horario de mañá e cun total de 70 horas lectivas teórico-prácticas, desenvólvese a través do equipo de Inclusión Socio-Laboral en Ames do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social. O curso impártese nun local dun antigo restaurante de Bertamiráns e a súa parte práctica do curso permitirá aos alumnos manipular a materia prima.

A finalidade desta actuación é favorecer-posibilitar a inserción laboral a través dunha capacitación que aumente as competencias profesionais dos participantes, nun sector onde existe unha alta demanda de emprego ao non contar con persoal cualificado.

Os contidos do curso xiran en torno a conceptos relacionados co procesamento da carne, aplicación das condicións técnico-sanitarias en salas de despece e obradoiros cárnicos, preparación das pezas cárnicas para a súa comercialización e determinación do prezo e comercialización dos produtos cárnicos.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de Inclusión Socio-laboral distribuídas por toda Galicia, máis un equipo que opera no módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro, con internos que están a piques de obter a liberdade, no marco do programa “Nelson Mandela”.

15 de novembro de 2017 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.