publicidade hoxe

A Xunta inviste 577.000 euros en equipamentos e obras de mellora nos diferentes centros escolares de Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaValdoviño
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o CPI Atios de Valdoviño, para verificar un proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, consistente na ampliación de dúas aulas, cun investimento de algo máis de 33.000 euros. O director do centro, Antonio Cebreiro, o xefe Territorial de Educación e máis o alcalde, Alberto González, acompañaron ao delegado na súa visita.

Neste ano, a Consellería de Educación xa fixera un importante investimento neste centro, de preto de 60.000 euros, destinados a reparar as consecuencias dun forte temporal de vento que danara no seu día a cuberta do edificio, nomeadamente na parte da actividade deportiva. No CPI Atios estudan na actualidade 516 alumnos. O director e o delegado tiveron ocasión de comentar as necesidades do colexio e de conversar sobre o seu funcionamento.

O investimento total de máis de 92.000 euros no CPI Atios de Valdoviño forma parte da programación de obras e melloras desenrolada pola Xunta de Galicia, e que na comarca de Ferrolterra supón un esforzo global de algo máis de 577.000 euros. Neste sentido, Ovidio Rodeiro lembrou que están previstas ata trinta actuacións noutros tantos centros, nove deles da propia cidade de Ferrol.

Ovidio Rodeiro puxo como exemplos as intervencións previstas no CEIP Manuel Masdías e no CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte. No primeiro deles está previsto destinar preto de 51.000 euros a melloras na accesibilidade, en concreto na habilitación dun ascensor e dun aso adaptado. No Juan de Lángara, pola súa banda, está prevista a reforma integral dos baños por máis de 20.000 euros. O delegado territorial lembrou que “A Coruña é a provincia na que máis obras se desenvolven, 251, cun investimento de preto de cinco millóns de euros”, ademais de grandes actuacións, entre as que destaca a construción dun novo CEIP en Culleredo, preto da Coruña, actualmente en fase de execución, ou o novo pavillón do CEIP Felipe de Castro en Noia.

As partidas destinadas a estas obras proceden, por unha banda os orzamentos que a Consellería destina cada ano á partida de reforma, ampliación e mellora (RAM); por outra o cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e, finalmente, os fondos procedentes da contía que o Goberno asignou a Galicia a través da Lei de impulso ao crecemento económico e reforzo do gasto social.

9 de novembro de 2017 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.