publicidade hoxe

A Xunta investiu 26.400 euros na reforma da rúa Irmáns Díaz Moreno no Concello de Baralla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarallaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia impulsou a reforma da rúa Irmáns Díaz Moreno de Baralla, unha obra que “supuxo unha clara mellora na estética e na seguridade, especialmente para os peóns”, en palabras do delegado territorial, José Manuel Balseiro.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegou 26.439,37 euros para esta actuación, o 80% do orzamento total (sen IVE), a través do programa de mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Balseiro comprobou o resultado dos traballos xunto co alcalde da localidade, Manuel Jesús González Capón, e subliñou que este plan de axudas, destinado aos municipios de menos de 30.000 habitantes, pretende “facer realidade o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, mellorar a calidade de vida de todos os veciños e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional”.

A reforma da rúa Irmáns Moreno consistiu no empedrado do pavimento, reforzando o carácter semipeonil da rúa, se ben tamén se construíu unha beirarrúa para delimitar claramente unha zona de tránsito exclusivo de peóns. Actuouse sobre 115 metros de calzada, nos que foi preciso en primeiro lugar demoler o firme que había ata unha profundidade de 33 centímetros, para despois proceder ao empedrado.

A zona da intervención é moi utilizada polos veciños de Baralla, xa que transcorre por diante de varios edificios públicos como a Casa Consistorial, o Punto de Atención á Infancia (PAI), o Centro Sociocultural e Xuvenil e a Biblioteca.

A través desta orde de subvencións, a Xunta de Galicia financia actuacións de instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de vías públicas; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; e construción, mellora ou equipamento de edificios ou dependencias municipais e de instalacións deportivas.

7 de novembro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.