publicidade hoxe

A Xunta impulsa en máis dun 36% as horas de axuda no fogar a dependentes en Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta tarde na delegación territorial da Xunta en Ferrol unha reunión de traballo co alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, co obxectivo de abordar a situación e as necesidades existentes neste municipio coruñés en materia social. Esta xuntanza enmárcase no diálogo permanente que o titular da carteira autonómica de Política Social está a manter cos rexedores e rexedoras de Galicia coa finalidade de profundar nas liñas de colaboración entre administracións.

Rey Varela trasladou persoalmente ao primeiro edil o novo impulso as políticas sociais que se recolle no orzamento de 2018, cun crecemento do 9% con respecto ao presente ano ata superar os 700 millóns de euros. Ao respecto, explicou que este incremento “permitirá seguir mellorando os programas e servizos dirixidos ás familias, aos nosos maiores e á inclusión coa finalidade de que ningún fogar quede ao marxe da recuperación da economía galega”.

Así mesmo, o responsable da área social do Goberno galego fixo fincapé no reforzo dos programas de atención á dependencia e, en especial, do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), no que Galicia rexistra os mellores datos de atención do conxunto do Estado. Rey Varela afirmou que este servizo permite atender cunha prestación profesional aos maiores dependentes que elixen permanecer nas súas casas e no seu contorno familiar, ao tempo que engadiu que é un servizo axeitado para dar resposta a dispersión da poboación na comunidade. De feito, desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 e ata a data o número de horas de SAF a disposición do concello de Neda aumentou nun 36,6%, o que equivale a 12.336 horas máis ata acadar na actualidade as 46.032 horas anuais e un ratio de atención do 94,7%.

Conselleiro e alcalde acordaron continuar coa cooperación emprendida entre as dúas institucións, así como estudar posibles futuras colaboracións no eido social.

6 de novembro de 2017 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.