publicidade hoxe

A Xunta habilitará persoal de apoio para tramitar as axudas pola vaga de lumes en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde do concello de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, co obxectivo de analizar as axudas aprobadas polo Goberno autonómico de cara a paliar os danos causados pola vaga de lumes e para darlle traslado da decisión de instalar persoal de apoio na casa consistorial para atender aos afectados.

Na reunión, o delegado territorial estivo acompañado do secretario territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, e dos xefes territoriais de Medio Rural, Antonio Crespo, e de Infraestruturas, José Luis Díez, así como por técnicos municipais.

Durante este encontro analizáronse as axudas autonómicas dado o número de incidencias comunicadas polo afectados ao concello, que ascenden a 87 tanto de particulares coma de pequenas empresas, as que hai que sumar as presentadas por tres comunidades de augas e tres familias en realoxamento provisional. “Puxémonos a disposición do concello para coordinarnos de cara a facilitar estas axudas as persoas que tiveron perdas de calquera tipo, e neste senso, acordamos poñer en marcha dende o próximo luns un servizo de atención aos afectados a través de persoal de apoio que se instalará no propio edificio consistorial e que ofrecerá información na tramitación das axudas co obxectivo de que estas cheguen ao máximo número de afectados posible”.

Entre as demandas transmitidas ao concello por particulares e pequenas empresas e explotacións se atopan danos entraídas de auga, destrución de tractores, galpóns, plantacións particulares, material diverso, hórreos e peches, ao que hai que sumar o xa anticipado polo concello para o arranxo de iluminación municipal danada, valados, contedores e gasóleo.

A través desta canle, os interesados poderán consultar in situ a información necesaria para tramitar as axudas que se inclúen na orde que o Goberno galego publicou recentemente, e que unifica nunha mesma convocatoria todas as liñas de subvención das consellerías implicadas.

A orde suma máis de 11 millóns de euros, que se distribúen entre indemnizacións paras as vítimas e as súas familias, axudas para rehabilitar vivendas e pagar alugueiros, para rexenerar a natureza, as explotacións agrarias e gandeiras, para recuperar tecores, reparar a rede viaria ou apoiar aos concellos.

Ademais, a este investimento hai que sumar os outros preto de 10 millóns de euros que o Goberno galego destinará a actuacións directas para reparar danos da competencias autonómica.

O obxectivo é chegar a todos os afectados, por iso, ademais desta oficina, habilitaranse outros sistemas deste tipo noutras zonas especialmente afectadas, co fin de facilitar información aos potenciais beneficiarios. Neste sentido, cómpre recordar que os delegados territoriais xa reuniron aos alcaldes dos concellos máis afectados para explicarlles polo miúdo a orde e habilitouse un número de teléfono específico, o 900815400.

9 de novembro de 2017 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.