publicidade hoxe

A Xunta destinou 40.000 euros ao acondicionamento con aglomerado en quente de varias estradas na parroquia de Marzán, en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Rural destinou preto de 40.000 euros, a través do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), para o acondicionamento de camiños na parroquia de Marzán, no concello lugués de Foz.

A administración autonómica colaborou con este municipio da Mariña lucense para mellorar estas infraestruturas que serven de enlace entre a estrada nacional 642 coa zona de Augadoce e, desde alí, aos acceso á praia de Las (LU-P-2011).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do tenente de alcalde de Foz, Pedro Fernández Manín, comprobou in situ o resultado das obras executadas, que contribuirán ao avance na seguridade viaria no núcleo de Marzán e tamén na calidade das comunicacións.

O investimento da Xunta permitiu mellorar o firme da vía pero tamén as beiras da calzada e os foxos, incorporando aglomerado en quente durante algo máis dun quilómetro de lonxitude.

Balseiro explicou que o Plan de Infraestruturas Rurais da resposta ás necesidades que presentan os concellos no ámbito da mobilidade, o que redunda no correcto desenvolvemento da actividade económica e dos servizos e, en definitiva, na calidade de vida dos veciños.

A Consellería do Medio Rural incide na mellora da rede viaria a través do PIR, dotado con 4,2 millóns de euros, e tamén do Plan Marco de mellora de camiños municipais, cun orzamento de 16 millóns de euros para dous anos, o que fai un investimento superior aos 20 millóns de euros en toda Galicia.

14 de novembro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.