publicidade hoxe

A Xunta destaca o labor de entidades como AFAL Ferrolterra no apoio a enfermos de alzhéimer e aos seus familiares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou na xornada de hoxe o centro de día da Asociación de Familiares Enfermos de Alzhéimer de Ferrol e comarca (AFAL Ferrolterra), onde se reuniu con responsables da entidade, usuarios e usuarias deste recurso, así como cos profesionais que o atenden. Deste xeito, o conselleiro comprobou en primeira persoa o funcionamento do equipamento e púxose ao día nos servizos e programas que ten en marcha AFAL Ferrolterra.

Rey Varela reiterou a firme vontade do Goberno galego de garantir os dereitos e a atención das persoas en situación de dependencia, o que se pon de novo de manifesto nos orzamentos da Xunta para 2018 nos que as partidas económicas destinadas á mellora das políticas sociais volven crecer por terceiro exercicio consecutivo, nesta ocasión un 9% ata alcanzar un montante global de 700,6 millóns de euros. Deste incremento, a maior subida recae na área de Maiores e Persoas con Discapacidade, que medra un 10% para situarse nos 413,7 millóns de euros.

Rey Varela enmarcou este reforzo das contas da Consellería de Política Social no obxectivo de seguir a estender a atención á dependencia, co compromiso de rematar o vindeiro exercicio con 60.000 beneficiarios das prestacións que oferta o sistema autonómico.

Neste sentido, o conselleiro referiuse a outras dous medidas que continuarán a desenvolverse ao longo dos vindeiros meses. Por un lado, o despregamento de novas unidades de atención terapéutica especializada para alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas coa finalidade de tratar estas doenzas nos primeiros estadios e así adiar ou paliar na medida do posible as consecuencias das mesmas. E, por outro, un maior apoio ás entidades que traballan neste ámbito ao incrementar nun 5% con respecto ao presente ano o convenio de colaboración coa Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), que ascende a preto de 90.000 euros.

Ademais, Rey Varela asegurou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apostando pola sensibilización, a prevención e a formación fronte o alzhéimer; ao tempo que encomiou “o apoio fundamental tanto aos doentes como aos seus familiares que dende fai anos leva a cabo AFAL Ferrolterra”.

Por último, o titular de Política Social que o Executivo autonómico e AFAL “comparten o desafío de mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas, en especial daquelas persoas que se atopan nunha situación de dependencia”, polo que avogou por afondar na colaboración coas entidades que traballan neste ámbito na procura dunha maior esperanza de vida con plena autonomía.

6 de novembro de 2017 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.