publicidade hoxe

A Xunta achega 1,7 millóns de euros a empresas transformadoras de produtos forestais da área de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+

A Consellería de Medio Rural subvencionou a posta en funcionamento na empresa Maderas Cajaraville S.L. de Teo dun programa de mellora en eficiencia enerxética para o secado de madeira. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe as instalacións desta compañía transformadora de madeira, que produce equipamento e material para construción, carpintería, embalaxes e combustible de biomasa.

Esta axuda está encadrada na orde de axudas a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos derivados do monte, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). O obxectivo principal desta liña de subvencións é fomentar a competitividade do sector forestal, garantindo a xestión sostible dos recursos naturais e a acción polo clima. Tamén se busca lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e das comunidades rurais, incluíndo a creación e a conservación de emprego.

Os beneficiarios destas achegas son pequenas e medianas empresas do sector forestal inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor). Con esta orde, Consellería de Medio Rural subvencionou investimentos para promover a valorización e a comercialización de produtos derivados dos aproveitamentos forestais; así como os investimentos en maquinaria e equipos para o aproveitamento dos produtos forestais.

Tamén foron obxecto de subvención os custos relacionados coa mobilización, comercialización e transformación da madeira, incluídas as operacións de traballo antes do serrado industrial nunha fábrica de serrado (serrado móbil ou fixo a pequena escala), así como a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sostible e axuda ás cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal.

Na gran área de Compostela, as empresas beneficiadas por esta orde de axudas foron 21, nos municipios de Tordoia, Oroso (3), Touro (5), Boqueixón, O Pino, Vedra (2), Dodro, Teo, Santiso, Arzúa (2), Rois, Frades e Mesía. Nestes concellos, as axudas acadaron unha suma de 1.754.233 para un investimento conxunto, incluíndo as aportacións empresariais, de 4.507.563 euros na modernización das empresas transformadoras de produtos forestais.

8 de novembro de 2017 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.