publicidade hoxe

A Delegación Territorial da Xunta ofrecerá asesoramento e acompañamento prioritario aos proxectos da Tinería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Delegación Territorial da Xunta ofrecerá un servizo de asesoramento e de acompañamento prioritario a todas as persoas que teñan interese en consolidar o seu proxecto empresarial ou iniciar un novo no barrio da Tinería.

Así o explicou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro, na xornada informativa organizada para orientar aos empresarios e posibles emprendedores acerca dos programas de subvencións que convoca a Xunta para promover a creación e expansión de empresas. Na reunión participaron representantes da Asociación de Veciños e Comerciantes da Tinería e da Asociación de Empresarios do barrio, así como o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, entre outros.

“Dende a creación dunha empresa ata a súa internacionalización, pasando pola modernización das ferramentas de produción, apertura de novas canles de comercialización, mellora da imaxe e incremento do cadro de persoal; a Xunta impulsa o tecido empresarial dende todas as perspectivas -sinalou Balseiro-. O que queremos que saiban é que en cada paso adiante que da un empresario, hai un programa da Xunta que o respalda”. 

O delegado afirmou que a Xunta “está especialmente comprometida coa dinamización e recuperación deste barrio” e que para elo resulta fundamental “a consolidación e creación de novos proxectos empresariais e comerciais”. 

Con este obxectivo, engadiu, “poñemos a disposición de todos os interesados locais en réxime de compra ou aluguer, que serán obxecto dunha poxa específica a convocar nas próximas semanas”. 

Neste sentido, Balseiro lembrou que a obrigatoriedade de adxudicar en poxa pública os locais de negocio propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está recollida nun decreto do ano 2007 (Decreto 253/2007, do 13 de decembro) que regula o réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS, e que eliminou outras modalidades de cesión existentes ata ese momento. 

“Utilizamos os recursos ao noso alcance para lograr a recuperación social e comercial da Tinería -asegurou o delegado- e iso inclúe un esforzo orzamentario que nos levará a investir nos próximos anos 2 millóns de euros na rehabilitación de máis edificios”.

21 de novembro de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.