publicidade hoxe

Turismo de Galicia reforza o seu compromiso coa mancomunidade do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reforzou esta mañá o compromiso do seu departamento coa Mancomunidade do Salnés coa intención de afondar nas actividades de promoción exterior que se levan a cabo nesta zona. As accións contribuirán a que as tres festas de Interese Turístico Nacional da Mancomunidade avancen no seu recoñecemento de Interese Turístico Internacional.

Así o explicou hoxe en Sanxenxo Nava Castro durante a sinatura dun convenio de colaboración coa Mancomunidade do Salnés, que incluirá diferentes accións deste destino en mercados como Rusia ou Reino Unido, así como a promoción da Ruta Pai Sarmiento no mercado alemán e italiano e o impulso de diferentes viaxes ao Salnés para xornalistas especializados de mercados internacionais.

Con recursos como a enogastronomía, as enormes posibilidades para gozar do turismo activo, a natureza, as praias ou experiencias turísticas como a Ruta da Camelia, o Salnés é destino habitual na maior parte dos press trip organizados por Turismo de Galicia, como demostra o feito de que este ano se realizasen alí máis dunha vintena.

O acordo asinado hoxe insírese no compromiso de Turismo de Galicia con esta Mancomunidade, materializado o pasado ano a través dun convenio plurianual, que está vixente e que conta cun investimento de 200.000 euros, co que se afonda na internacionalización deste destino a través de accións de promoción e comercialización, a colaboración para a elaboración do seu plan de marketing, a reedición dos seus mapas comarcais, así como coa creación de produtos turísticos como a Ruta Pai Sarmiento e a Ruta Variante Espiritual.

Co acordo asinado hoxe, Turismo de Galicia contribuirá tamén a que festas como a do Albariño, en Cambados; a do Marisco, no Grove, e as festas patronais de San Roque, de Vilagarcía de Arousa -todas elas actualmente de Interese Turístico Nacional-, avancen no seu recoñecemento como festas de Interese Turístico Internacional.

Obradoiro de hostalería

Tamén en Sanxenxo, a directora de Turismo visitou hoxe aos participantes dun obradoiro enmarcado na Axenda 20 para o Emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva a cabo en colaboración cos concellos fomentando a cooperación institucional. Nesta iniciativa, os alumnos están a formarse en cociña e operacións básicas de restauración.

26 de outubro de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.