publicidade hoxe

Ovidio Rodeiro visita as zonas de Boiro que resultaron máis afectadas pola vaga de lumes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiroLocal Portada
A-
A+
Ovidio Rodeiro na visita ás zonas afectadas polo lume en Boiro

Ovidio Rodeiro na visita ás zonas afectadas polo lume en Boiro

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá diferentes lugares do concello de Boiro que resultaron afectados pola vaga de lumes rexistrada ana fin de semana dos pasados días 14 e 15. Rodeiro, que estivo acompañado polo alcalde, Juan José Dieste, comezou a súa visita polo lugar de Lidón, na parroquia de Cures, onde xa estivera na madrugada do domingo interesándose pola situación dos veciños.

Boiro foi un dos dous concellos da provincia onde se chegou a activar a Situación Operativa II polo risco de que o lume chegara ás vivendas. O traballo conxunto dos propios habitantes e das brigadas de Medio Rural evitaron que o lume provocase danos de gravidade nos inmobles. O delegado territorial comprobou os efectos devastadores dos incendios neste lugar da serra do Barbanza e trasladou unha mensaxe de ánimo e agradecemento a todos os que loitaron arreo contra o lume.

Ovidio Rodeiro quixo explicarlles persoalmente aos afectados as medidas aprobadas de urxencia polo Consello e o conxunto de reformas normativas nas que a Xunta está a traballar para mellorar nas tarefas de prevención e loita contra o lume. Así, o delegado territorial trasladou a aprobación dunha liña de axudas co fin de restablecer os servizos esenciais afectados e atender as necesidades derivadas desta situación. Informou aos afectados que poderán solicitar as axudas todos os propietarios ou usufructuarios de vivendas que sufrisen danos; os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos, os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras; e os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

Así mesmo, as entidades locais poderán solicitar achegas para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal polos incendios. Tamén as confrarías polos danos causados nos bancos marisqueiros polas cinzas derivadas dos lumes. Cando non se cubra a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas no decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe deste que se fixe en cada convocatoria.

O delegado territorial na Coruña tamén anunciou que estanse a preparar cambios normativos adicionais para favorecer o cumprimento das esixencias legais por parte de todos, que se incluirán na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2018, por ser o medio máis áxil para tramitar estas modificacións. “Trátase de reforzar a regulación para conseguir un maior e mellor aproveitamento do monte e para intensificar a loita contra o lume”, apuntou Rodeiro. Así, detallou que son “medidas abertas ás achegas dos diferentes grupos políticos, con independencia do traballo posterior que se deberá facer tamén no eido parlamentario”.

Está previsto aumentar dos 30 aos 50 metros a distancia de árbores pirófitas (de fácil combustión) nos lugares nos que está demostrado que existe un maior risco: zonas con pouca altitude ou pendente superior ao 10%; a cara norte da provincia; zonas nas que o vento de compoñente nordés sopra con maior perigosidade cara as áreas habitadas; gasolineiras, cámpings e instalacións industriais nas que haxa material inflamable.

Prohibirase totalmente a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar. As vivendas illadas deberán obrigatoriamente ter xestionada a biomasa nos 50 metros que as rodeen. As subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións están obrigadas á retirada de especies pirófitas a menos de cinco metros de distancia. Con este cambio a Administración terá máis facilidades para actuar cando isto non se cumpra.

Por último, Rodeiro anunciou a intención do Goberno galego de axilizar o procedemento para a limpeza de terreos forestais que non estean debidamente xestionados por parte da Administración. Esta poderá declarar zonas de actuación urxente e prioritaria para aquelas sobre as que se precise actuar, podendo facelo de xeito rápido e simplificado en caso de emerxencia. Aqueles montes veciñais en man común abandonados ou non explotados poderán ser declarados como tales e incorporados ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de terreo o poidan poñer en valor, tendo os comuneiros con explotacións agrogandeiras que precisen base territorial un dereito preferente de acceso.

24 de outubro de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.