publicidade hoxe

Os veciños de Brión poderán empregar na vindeira primavera a senda peonil e ciclista entre Gundín e a urbanización Monte Deves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-543, entre Gundín e a urbanización Monte Devesa, en Aldea Buio, en Brión, cun investimento de 330.000 euros e cuxo remate se prevé para a vindeira primavera.

O itinerario executarase pola marxe dereita da estrada, ao longo de 700 metros, conectando as beirarrúas existentes en Aldea Buio coas de Gundín. Terá un ancho mínimo de 1,8 metros e estará separada da estrada por unha zona axardinada de bastante amplitude, case un metro, ademais dos bordos delimitadores.

A Xunta aproveitará os traballos para levar a cabo actuacións complementarias como a construción de dous muros de contención e a instalación de redes de drenaxe e tubaxes en previsión de futuras canalizacións de servizos de telefonía ou electricidade.

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta xa rematou tamén na estrada AC-543 unha senda de case 2 km entre Vidán e Laraño. Precisou que se están a desenvolver outros dous tramos para completar o itinerario desde Laraño a Aldea Nova: a senda Barcia-Roxos, en proceso de información pública, e a senda Roxos-Aldea Nova, co proxecto xa aprobado.

Todas estas actuacións están recollidas no Plan de Sendas de Galicia, que para o caso concreto desta comarca de Santiago prevé a execución de 7 sendas, 15 km e un investimento de 3,7 millóns de euros. Así, dúas delas xa están finalizadas, Vidán-Laraño e Touro; unha en execución, a de Gundín- Monte Devesa; dúas licitadas; unha en información pública e outra co proxecto aprobado.

A titular de Infraestruturas salientou a aposta do Goberno galego polas sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe e por investimentos que fomentan unha mobilidade máis respectuosa co medio, que facilitan os desprazamentos cotiás dos veciños e incrementan a seguridade. Fixo fincapé en que así se demostra nos preto de 1,2 millóns de euros recollidos nos Orzamentos da Xunta 2018 para continuar co desenvolvemento do Plan de Sendas nesta bisbarra de Santiago.

25 de outubro de 2017 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.